Mostrar mensagens com a etiqueta relato. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta relato. Mostrar todas as mensagens

23/01/12

unha nova historia X e final

Recompilei a historia, co título reencontro, aquí.

Unha nova historia IX


     A viaxe de volta foi estraña; diría incluso que durou máis do que as outras veces. Un gusto de liberación aceda inundaba a miña boca. Abrín o libro que Guerreiro me regalara e comecei a ler. Descubrín moitas liñas subliñadas, incluso con anotacións nas marxes. É curioso ler a través dos ollos doutra persoa, a historia pode mudar totalmente dependendo onde fagas cada pausa, cada marca, cada énfase. Pasaba as páxinas mentres as letras se enredaban na miña cabeza cos recordos. No MP3 soaba Bob Dylan. Deixei esvarar levemente o libro e adormecín uns instantes. Soñei contigo, seino agora que te coñezo. Ao espertar reparei nun pequeno papel dobrado que aparecera entre as páxinas. Collino intrigada e sorprendida por non terme decatado antes da súa presenza.
     “Cando entraches a primeira vez pola porta da miña librería, xa desexei que volveses. Namorei dos teus ollos castaños, do teu andar parsimonioso, das túas mans finas e pequenas. Mais ti nin me presentiches. O anuncio da túa volta foi máis un xogo co destino ca unha premonición. Tiña que apostalo todo para poder verte de novo. Ías marchar cun libro, como o de calquera outro lugar; era o meu labor facelo diferente. Non, non foi o libro o que che fixo regresar. Ou si. Quizais as palabras que eu lle regalei á túa novela foron as que che trouxeron novamente ata min. Agora estás lonxe, camiño deses futuros que ansias e eses sentimentos que recoñecerás como novos. Con esta carta arríscome a que non volvas, a que me tomes por un vello louco nun intento desesperado de agarrar a xuventude da túa persoa. Pero agora xa me coñeces e eu sei que non me vas xulgar por un único detalle. Mañá cando volvas á tenda, dareicha e tentarei prolongar o tempo contigo. Así pois, neste momento en que me les, iso xa debe ter pasado. Que sensación tan estraña escribir para o futuro sen saber o que nos depara o intermezzo.
      Ben, xa o sabes. Este vello aínda pode conmoverse cando o deixan navegar ollos con sabor a café. Agora só resta que consiga darche isto e que retornes algunha vez ata este home que te bota de menos.”

      Desconcertoume fondamente ler aquilo. Sentinme afagada e confusa. Devecía desesperadamente, dende hai moito tempo, por estas palabras e agora pronunciábanas para min. Que ruín é ás veces o destino!! Cerrei o libro e os ollos. Envolveita na música e no futuro do mar deixeime levar ata o meu destino. O que pasou despois, máis ou menos, xa o sabes. Chegaches ti, tornei a sotavento e arribamos neste novo porto. De verdade aínda non entendes por que cada ano debo volver a Creonteira?

But it wont be over till they clear his name
And give him back the time hes done.

12/01/12

Unha nova historia IX


     Premín sobre a icona de aceptar, non había volta atrás. 300€ menos na miña conta e un documento en PDF que confirmaba a reserva no hotel. Subín no tren coa mesma maleta que noutrora, mais con diferentes ansias. O corazón tremía incesantemente impedindo concentrarme nas letras do libro ou na música que soaba nos meus oídos. Devagariño deixeime adormecer mentres as árbores escapaban aos meus ollos. 

     Cheguei á cidade coñecida. Perseguín as pegadas que ficaban inmóbeis na miña memoria. Un taxi vello cun condutor que falaba e falaba e falaba levoume ata o hotel. Abrín a maleta e pendurei a roupa do armario antes de me dirixir cara a libraría. Anhelaba revisar os seus andeis e enredarme no cheirume dos libros. Percorrín diversos tomos cos ollos, cos dedos, co gusto... 

     Resgate 
outono Não sou isto nem aquilo
É o meu modo de viver
É, às vezes, tão tranquilo
Que nem chega a dar prazer...
Todavia, onde apareço,
Logo a paz desaparece
E a guerra que não mereço
Dá princípio à minha prece.
És alegre? Vês-me triste?
Por que não te vais embora?
Quem é triste é porque é triste.
E quem chora é porque chora.
Tenho tudo o que não tens
Tenho a névoa por remate.
Sou da raça desses cães
Em que toda a gente bate.
Só a idade com o tempo
Há-de vir tornar-me forte.
A uns, basta-lhes o vento...
Aos Poetas, basta a morte.
Pedro Homem de Mello, in Eu Hei-de Voltar um Dia

- Volviches.
    Levantei a vista e vin o seu sorriso afectuoso saboreando a satisfacción de ter acertado no seu prognóstico. Sentín entón a necesidade de aclararlle
- ...mais non foi o libro. Non era unha grande obra, soamente entretida.
- Malia iso, aquí estás.


    Volveu sorrir de xeito suave e cómplice mentres regresaba ao mostrador. Demorei ata me decidir por unha edición de Dylan Thomas. Novamente rompín un costume; un autor que xa lera e nunha lingua que non era a propia da cidade. Quizais foi iso o que me levou a pagalo a toda présa co desexo de terme tornado invisíbel. Era a miña primeira vez, aínda sentía aquela vergoña que se ten cando se está acabar cos pactos. Tomou o libro para anotalo no seu computador e imprimiu o recibo. Pousou as voltas sobre a miña man mentres me despediu cun simple "até amanhã".
    Co libro oculto no bolso encamiñeime cara o restaurante de Aurelio. Esperaba velo na entrada a recibirme cun enorme sorriso que fixera retroceder o tempo e máis as horas. Certamente a realidade é ben teimuda e nada ten a ver cos filmes de Hollywood. Ocupei unha mesa baleira xunto da vidreira dende onde podía controlar o ir e vir da cociña. Gastei tempo en decidir o menú e finalmente tiven que facelo soa. Abrín o libro e paseei a vista polas súas letras sen conseguir percibir nada do que lía. Nesta paciencia anglófona cheguei á sobremesa. Un café remexido unha e outra vez levoume ata o final do xantar. A conta, as grazas, o sorriso de "moi amábel", o abrigo, o bolso, a saída.
    Derrubeime sobre a cama do hotel deixando que o peso de cen mil derrotas anegara o meu corpo. Vinme afondar no océano sabendo que o meu sino era aboiar; sempre aboiar. Creo que é o sino de todas as mulleres mariñas. Podería ter disfrazado a tarde con visitas aos museos ou longos paseos polos enclaves significativos da cidade, sen embargo non fora para enganarme. O meu obxectivo era atopalos e retomar a vida dende aquel momento do pasado. Prendérame do futuro imaxinado como quen se prende dun salvavidas no medio dunha tormenta oceánica. Ulises e as súas sereas nunca saberán o que é ter un soño. Malia buscalos en rúas e bares nocturnos non dei con eles. Desapareceran deste presente que parecía tornarse inhóspito co correr do reloxo.
    Volvín á libraría na mañá seguinte. O meu libreiro non me deixou adentrarme nos andeis.
- Teño o libro que precisas.
    Estendeumo ao tempo que saía de detrás do mostrador; non agardaba resposta. Puxo o abrigo e cun aceno levoume cara a rúa. Non podía comezar o día sen un café e un bolo de arroz. El era adicto á cafeína aínda que tivera que deixar o doce por prescrición médica. Nacera naquela cidade e nunca dela saíra a non ser a través das aventuras literarias. Tiña un fillo a quen non vía dende había 20 anos. Os seus ollos minguaban ao falar del.
- Eu non teño familia. Hai unhas persoas coas que comparto apelido e cea de nadal- . Deixou que falase durante longos minutos sen interromperme. Os pensamentos manaban a cachón, caóticos, como nunca o tiveran feito na miña boca. Cesou a cachoeira e ficamos en silencio diante da louza baleira.
   Estabamos xa na rúa. Fronte nosa un músico interpretaba un fado para os turistas que deixaban orgullosos as súas moedas no chapeu. Miroume e antes de partir regaloume nos ollos as palabras quedas: "As derrotas non son nosas, son da sociedade que nos dita estereotipos que non amamos. Nin sempre hai que ler as obras en lingua orixinal. Un tradutor invisíbel pode ser o mellor aliado dun escrito. Quizais o esencial sexa invisíbel para os ollos, pero o corazón non ten a capacidade de ver. Deixa que sexan os teus pasos os que te guíen, non busques, non esperes. O maior dos goces está sempre no traxecto".
    Quixen, ao igual que o principiño, memorizar as palabras do meu recoñecido raposo. Acudiu á miña cabeza a imaxe da roseira, dos planetas, dos baobabs. Dende agora a vida había ser miña. Podía culpar a familia, os colegas, a sorte, todo o que quixer, mais a responsabilidade única de vivir era miña. É miña. Volvín para o hotel preparar a maleta. A miña viaxe rematara.

 "My birthday began with the water -
Birds and the birds of the winged trees flying my name
  Above the farms and the white horses
         And I rose
     In rainy autumn
And walked abroad in a shower of all my days"  
 'Poem in October', D T


04/01/12

Unha nova historia VIII



Pedes-me a vida inteira
e a vida inteira, não!
Dou-te o que sobrar ao coração
do incêndio do mundo,
 depois da chama derradeira.
E se puderes então 
ser-me a palma da glória,
para isso te levo na memória.
Carlos Oliveira, "Incêndio", poema suprimido en Colheita Perdida


     Malia o pasar do tempo, a memoria do fado non desaparecía. Os días transcorrían devagar no recordo, mais o calendario non deixaba de tirar as follas como se un outono feroz se tivese apoderado del. O verán chegou con máis choivas ca calores e o estudantado parecía adurmiñado nunha eterna hibernación. Fóra rompían mundos, rebentaban vidreiras, desbordaban océanos, escachaban terras. O planeta entrara nunha violenta erupción que me perturbaba e desacougada mentres continuaba coa miña rotina. Había un eu que quería fuxir lonxe deste eu que me acompañara dende sempre; un eu interior que furaba e furaba na constante procura do ar.

     Chamou meu irmán para dicirme que virían el e a súa muller pasar uns días á miña casa. Examinábase a súa filla para conseguir un posto na administración. Vina maior, unha muller resolta enarborando uns vaqueiros gastos, non polo tempo, e pisando con forza no chan. Quixen falar con ela de futuros, de presentes, de soños, pero todo ficou conxelado no seu doce sorriso. Seu pai, presto e atento, respondía por ela cada unha das cuestións; a súa nai ía engadindo pequenos detalles cando o consideraba necesario. Ela sorría. Sentinme tan allea a aquela xente!!

     A súa marcha renovou as preguntas sobre as coincidencias familiares. Eles alleos, navegando por riba do ben e do mal. Eu presente, enlarafuzándome co lodo dos pecados térreos. A ovella negra do redil; esa que o pastor quere por bondade de seu e non polas súas virtudes dela. A ovella negra á espera dun lobo feroz que a devore para sempre e deixe aboiar aquel outro eu que non precisa de elos. Renegar das cadeas como algo necesario para ser unha, única, soa, desterrada. Abandonara o mar na traición de recoñecerme; non  tardei en saber que o sal que nos conforma arrastra a memoria de todas as mareas. Non hai espellos desembafados , hai que limpalos coidadosamente para que devolvan o reflexo exacto.


Pedes-me a vida inteira
e a vida inteira, não!

...e a vida enteira daría por un momento de incendio, por un segundo de sentirme arder nas colosais lapas do extremo. Asasinar a moderación a mancheas, con fruición, con forza, sen desalento. Asasinar os modais e a moda, o reloxo e o correo, os sorrisos e os incisos moderados. Asasinar este eu sometido ata deixar exsangue este corpo inexpresivo. Asasinar e amar. Amar-te. Amar-me. Amar-nos. 

Sabes do que che estou a falar?
Non, só sei que te amo.
Esa é a túa desgraza




10/12/11

Unha nova historia VII



  
      De volta na monotonía das aulas todo foi ficando lonxe. Foron pasando os días coa cadencia acostumada. Clases pola mañá, ximnasio a media tarde, traballo de despacho, lectura e hora de durmir. Enganchárame coa obra de Murakami, que devoraba unha tras outra sin mediar pausa entre elas. A conciencia do deber recordábame que debía ler o Mandarim antes do mes próximo, pero o futuro sempre me foi tan etéreo e distante que o fun demorando ata facerse irremediábel. Queriamos ter convidado a Ana Paula para que fixese a introdución da obra, mais foi imposíbel contactar con ela. Continuaron as clases ao longo do trimestre sen maior interese do habitual; había tempo que presentía que aqueles estudantes tiñan como único obxectivo obter un título para pendurar na parede. O de menos era adentrarse no mundo da literatura. Non quero dicir que me decepcionase a mocidade, simplemente que nada esperaba dela.

     Achegábase a ponte de maio e preparei unha escapada. Un novo punto no mapa. Había tempo que tiñas ganas de coñecer Soria e este era o momento ideal para o facer. Chegado o día preparei a maleta e recuperei o libro comprado, e non acabado, na última viaxe. É curioso, non me gustaba deixar as lecturas a medio camiño a menos que non tivese intención de acabalas, mais esta quedou no recuncho do armario xunto coa maleta, como se non puidese ser aberto o libro sen que trouxese os recendos dos fados.

      Ás 6 da tarde chegou o tren á estación. Tiña tempo de ir á pensión e dar logo un paseo pola cidade. Abrín a guía e marquei os lugares que non debía deixar de coñecer. Foi unha viaxe estraña. Non pasou nada que alterase a miña tranquilidade, mais foi iso xustamente o que me fixo percibila como estraña. Unha pequena alteración do ritmo cardiaco avisaba de que todos os meus sentidos estaban á espreita; non sei de que, pero así era. Lembrei a Aurelio e a Oliveira e botei de menos as súas voces. Sentinme soa percorrendo aquelas rúas desertas e comendo diante dun libro. "O seu traballo está feito. Xa lle dixen cando todo isto comezou que a sentenza estaba ditada. Non son todas as mulleres que vostede quixo ver en min. Son apenas unha que, nun momento de debilidade, asasinou o home que lle deu a vida. Eu son a única culpábel e como tal debo pagar. Gustaríame poder pedir perdón ás mulleres que o amaron, mais o certo é que non o sinto. Quixera que fora vostede quen se ocupase de amañar os papeis para o da miña filla. Non quero que saiba, nunca, quen foi a súa nai, ou mellor dito, quen non foi a súa nai. Seguro que hai moitas persoas que a desexan e que a educarán con todos os luxos. Será feliz e acabará de vez coa maldición das mulleres desta familia. Se pode ser faga que lle entreguen o libro de Jane Eire, pero arrinque a primeira folla porque está escrito o meu nome. Foi un regalo de meu pai cando cumprín nove anos. Non verei medrar a miña filla e, o mellor de todo, ela xamais me verá a min. Alégrome que isto non sexa unha novela, non soportaría que agora aparecese unha redención milagrosa que me trouxese de volta á vida. Moitas grazas pola súa compaña que tanto me serviu durante este proceso." Fenómenos curiosos as familias. Unha vez eu tiven unha e ameina.

      Soria resultou o destino esperado. Outro punto no mapa que pouco a pouco empezaba a tinguirse de cor. Aínda así suspirei na estación ao saber que non había volver ao lugar onde os soñas cantan. No tren de regreso comecei ler o libro desta viaxe. Algo estaba cambiando no meu mundo. Comprara poesía.



02/12/11

Unha nova historia VI

V


      Tras o almorzo adiqueime a pasear os lugares que a tarde anterior percorrera con Aurelio. Podía ter escollidos moitos outros que me quedaban por ver, ou ter ido ás exposicións abandonadas, pero necesitaba aclarar uns sentimentos que non coñecía. A despedida da noite deixárame unha sensación estraña. Parecía que a razón ficase agochada nun recuncho escuro da mente, para dar paso a todo o sentimentalismo que afastara dende a adolescencia. Repetíame unha e outra vez que era a razón a única chave que me podía abrir a porta do mundo. Cos filmes acadaba os sentimentos exactos para establecer un perfecto equilibrio, pero non podía deixar que isto escapase ao meu control. Aínda non sabía porque eu, unha muller de forte carácter, deixara que aquel home falase por min durante toda a tarde. Tampouco era quen de analizar esa sensación de parálise que me conquistaba cando Oliveira enganchaba os meus ollos. Un fado tras doutro volveu á miña memoria mentres debullaba este fato de inconsecuencias. Por outra banda sabía que esa tarde deixaría a cidade, para sempre. Non entraba nos meus plans volver por alí. Un punto máis no mapa do meu cuarto; un lugar menos no mundo por alcanzar.

     Deixei que os meus pasos me levasen de novo á vidreira da libraría e ao peirao. Pensei en volver ao restaurante, mais non fora invitada e tiña que dar todo aquilo por concluído. Chamei a Ana por teléfono coa escusa de lembrarlle que me comprase o xornal. Pregunteille polo tempo pero non conseguín que a conversa se estendese moito máis alá. Procurei un local barato onde comer unha boa ensalada. Ensalada con froitas e Pepsi, non hai nada mellor para recompoñer o espírito. Comín absorta na miña lectura, con medo a levantar a cabeza por se el volvía aparecer. Mais non foi así. Ao acabar recollín as maletas no hostal e fun camiñando ata a estación. Aínda quedaban dúas horas para que o tren saíse. "Podería xustificar todo iso nas horríbeis malleiras de meu pai cada vez que voltaba das súas viaxes, bébedo, coa camisa luxa e os ollos ensanguentados pola ira. Pero non sería xusto. Non foi en meu pai en quen pensaba cando o matei, senón en miña nai. Pensaba en como choraría ela se me vise naquel momento; na miña avoa, a quen nunca coñecín pois morrera moito antes de eu nacer; naquela muller que me acollera en Indianápolis. E pensaba tamén nas súas fillas, man de obra explotada nas propiedades dos seus homes, prostitutas legais con obrigación de parir entre dores de silencio. Pensaba en que este mundo non está feito para que o habitemos as mulleres. Pensaba en vostede, avogada de carreira desilusionada, acostumada demasiado pronto a que gañen os cartos. Mais non debe preocuparse esta vez. Non pode gañar. Eu son culpábel. Mateino conscientemente, premeditadamente, sen nocturnidade con aleivosía. Mateino porque xa estaba farta de vivir."

      Os altofalantes anunciaron a chegada do tren. Pechei o libro e subín no meu vagón. Quería durmir ata chegar a casa.




24/11/11

Unha nova historia V



IV 

      Non estaba afeita a que os outros fosen quen decidisen por min. Quizais esta miña tendencia á soidade fixera de min unha muller autosuficiente en todos os ámbitos. Non precisar de ninguén para nada era o meu lema principal. Mais, se nun principio me resultara irremediábel deixarme levar da man de Aurelio, comezaba a estas alturas da noite a resultarme molesto. Non polo feito de que non concordase cos plans, senón pola sensación de terme convertido nunha invitada de xeo. Foi por iso que dunha forma resolutiva e case maleducada, refusei a invitación para a cea. "Tal vez a menina não gosta dos fados?" e vinme xa cantando un nos ollos do Oliveira. Tiña aquel doce sorriso capaz de transformar a noite máis escura nunha mañá luminosa do mes de xullo.
- Gústanme os fados, e gústame o cine, e gústame coñecer os lugares que visito; pero non me gusta a compañía aló do estritamente necesario. O Aurelio foi moi amábel esta tarde, mais creo que chegou o momento de continuar pola miña conta.
- Concédeme tan só un par de horas máis. Se ao final da noite te arrepintes de ter vido, non volverás saber de min.

      Non tiña pensado saber del. Nin sequera tiña pensado coñecelo. Pero si, seguino sen retrucar ata o lugar acordado. Marabilloume o local nada máis atravesar a porta. A nosa mesa estaba á dereita do escenario, moi pertiño del. Non me deixei aconsellar á hora de escoller os pratos, coma se ese fose o meu acto de rebeldía. Rachando co costume da tarde, a cea estivo acompañada por unha marabillosa conversa a tres bandas e un doce viño de Porto. Falamos de cine, de literatura, do mar, da vida enredada na música da cidade, do olor dos carballos na terra húmida, da infancia. Construímos un fado que servise de preliminar aos que logo viñeron. E como se por arte de maxia acabásemos nunha canción do Sabina, foron pasando as horas e con elas os momentos. Case amencía cando regresamos ao hostal. Demoramos a despedida eu, por medo a que acabase, eles... non sei sequera se a demoraban. Despedímonos. Fora un pracer coñecelos, fora un pracer coñecerme. Pedín a chave do cuarto en recepción, lavei os dentes e metinme na cama. Para evitar sorpresas, puxen o espertador para as 11:30, debía aproveitar o tempo que me quedaba.

      Espertei co sabor dos fados na miña boca e o aroma da noite entre os dedos. Antes de me erguer abrín o libro e continuei a ler un cacho. "Aquel foi o meu último aniversario con mamá. Uns homes viñeran para me levar á casa vella de Indianápolis onde dicían que vivía a miña avoa. Mais eu non tiña avoas; nunca as tivera. Papá tampouco non volveu, claro que el por motivos ben distintos. Agora sei que teño dous irmáns e sobriños. A vella Dorothy quixo contarmo todo (todo, coma ela dicía), mais eu non quixen escoitala. O pasado xa morreu, o presente é un instante tan ínfimo que non paga a pena adicarlle moito tempo e o futuro nunca se sabe se chegará. Non pretendo con isto xustificar os meus actos a causa dunha infancia infeliz ou de calquera outro trauma freudiano, peor creo que as cousas foron como foron e tampouco debemos disimulalas. Vostede preguntoume como me sentira no momento do crime, non? pois quedoume o mesmo regusto que cando mordín aquela torta de chocolate no meu duodécimo cumpreanos."

 

18/11/11

Unha nova historia IV


     Ás 6 baixei coa esperanza de non atopar ninguén no lugar por el acordado. Non houbo sorte. Alí o estaba, cun enorme sorriso e os brazos prestos para recollerme. Levoume polo bairro alto da cidade amosándome cada un dos recantos que contribuíran á historia cidade. Amosoume os bares máis antigos, os cafés onde degustar os mellores doces, os xardíns máis enxebres, as rúas máis gastas. Estivemos andando ata a hora en que a película daba comezo. El falaba e falaba sen importarlle apenas o meu silencio, ás veces pensei que nin sequera tería reparado nel. Seguro que era o típico individuo solitario que non ten quen o ature e pillaba ás turistas solitarias dos sábados para desafogar a rutina. 

     Chegamos ao museo sen tempo para ver ningunha das exposicións. Non sei se me molestou. Durante o filme, por fin, permaneceu calado. Temín fondamente que fose deses que che vai analizando cada escena no borde do oído. Cos ollos enchidos de bágoas, esforceime por non amosar os sentimentos que traía o violoncello. Creo que non se decatou e, acabada a música, volvín á tranquilidade convulsa do filme. Acenderon as luces, a xente aplaudiu e unha muller deu inicio ao coloquio. Presentou os invitados desa noite; tiñamos a sorte de contar con Luís Miguel Oliveira. Sorrín cara o meu acompañante nun xesto que pretendía recoñecer esa sorte. Coincidimos todos no acerto da personaxe de Denzel Washinton e o estraño que tería sido ver nesa tesitura un outro como Robin Williams. Cada vez estou máis certa de que o azar é quen escribe os mellores camiños. 

- “Nunca confies no contador, confia no conto”, e hai que recoñecer que esta vez o conto era magnífico. No momento exacto a historia perfecta, adobiada coa música que o convirte en produto inesquecíbel. 

     Ao ver que todos miraban cara o noso lugar, quixen fundirme cal peza de xeo. Aí o estaba el, coa súa seguridade, a captar a atención de todo o auditorio. E eu... eu a piques de desaparecer baixo unha cobertura arroibada que bañaba xa todo o meu corpo. Mais coma se dun milagre se tratase, esta foi a frase que deu conclusión ao acto. Citáronnos para dentro de 15 días cun filme que nos había sorprender e que nos faría gozar por igual. Daba igual; eu xa non estaría. 

     A xente comezou a abandonar a sala lentamente. Crucei o bolso e puxen o abrigo. Agarrou a miña man e dirixiume cara a fronte do escenario. "Quero presentarche un moi bo amigo." Puxémonos onda o grupo en que estaban os vocais para esperar que rematasen coas súas despedidas. Foi entón que o Oliveira deu volta e miroume ao través dos cristais das súas gafas mentres dirixía o seu definitivo ollar envolveito nun enorme abrazo, ao meu guía turístico. "Oh Aurelio!! Típico de ti non avisar e presentarte por sorpresa". Non souben quen daba a sorpresa a quen, pois o Oliveira viñera dende Portalegre, mais eles tiñan claro que o aparecido era o Aurelio. Foi esta a primeira vez que escoitei o seu nome. Deime de conta que non nolos preguntaramos. Doeume a súa indeferencia e reforcei a idea de que só me utilizara para desatracar as palabras todas que tiña afogadas no estómago. Tivera sido un bo momento para desaparecer, sen embargo alí permanecín á espreita dos próximos acontecementos. Presentounos a través dos feitos. Eu era a muller que coñecera esa mañá diante dun libro e dun prato de cabaza. faloulle do libro que eu estaba a ler e ambos riron de xeito cómplice. De novo irritoume que ningún deles amosase interese por saber como me chamaba. "Son Elisa. Estou de viaxe pasando esta fin de semana". Espeteino altiva e segura de que ía atraer as súas desculpas, pero recibírono como se esa fose a única frase que tivese sentido nese momento. "Pois se só tes unha fin de semana, non queda máis remedio que irmos ás "Janelas", non si?".

14/11/11

Unha nova historia III

II

    O estómago avisouna de que xa levaba tempo de máis alí sentada. Gardou o libro, pendurou o bolso do ombro e abandonou o tacto frío da pedra. logo abriu a guía para buscar o enderezo da casa de comidas. Como non estaba moi lonxe, decidiu ir a pé. Era unha pequena taberna construída en madeira que aínda gardaba o recendo de principios de século. Gostaba destes sitios onde podía fornecerse de historias coas que soñar. Deixouse aconsellar polo camareiro para escoller o menú; para beber, coma sempre, pediu auga con gas. Estaba afeita a que non a tivesen nos restaurantes, mais ela insistía. Recordaba aquela vez en Santander que fora un camareiro buscala á tenda do lado. Ao traerlles a factura non llela cobraran e marcharan coa promesa de voltar en vindeiras ocasións en que xa a terían, segundo prometeron. 
     Mentres agardaba polo xantar tomou o móbil do bolso, revisou a súa axenda, leu as últimas noticias e procurou os eventos locais. Pola tarde había unha sesión de cine clube no museo ás 8. Oíra falar desta sala, non tanto polas proxeccións como polo interesante do seus debates. Pasaban un filme estranxeiro que ela xa vira un par de veces na televisión, mais nunca en pantalla en grande. Así pois, tras visitar as exposicións quedaría ver Philadelphia. 
     O primeiro era unha crema de cabaza, un dos seus pratos favoritos. Súa nai dáballe un toque especial que ela nunca aprendera. Tampouco llo preguntara, esa era a verdade. Non falaban moito e menos de cociña. Todos deran por suposto, hai xa moitos anos, que non lle gustaba cociñar e non se preocupara en desmentilo. Moitas veces sentíase coma unha estraña na súa propia familia. Saboreadas as primeiras culleradas decidiu sacar o libro para seguir lendo. "Fora na primavera de 1940. Eu acababa de cumprir os 12 anos, xusto tres días despois de que Xoel rompese a perna. Lémbroo porque non puidera vir á festa. Mamá fixera unha enorme torta de chocolate e biscoito que, tras as carreiras polo monte, devoramos coma se nunca antes tivésemos comido. Papá tampouco puidera vir a ese aniversario. Creo que no fondo me alegraba diso." 
       - Que tal está a comida? Gústalle? 
     Deixei o libro para comentar as excelencias dos pratos. Entón o cociñeiro fíxome saber que me esperaba o mellor. Non me deixaba escoller a sobremesa. Tiña que probar o suculento soufflé da casa. Non me atrevín a refusalo, pero o certo é que eu sempre fun máis de froita ca de doces. En canto o empecei volveu xunta miña. Pouco máis de dúas frases e xa estaba sentado na miña mesa falándome das marabillas da cociña local e da excelencia do lugar. Novamente a súa forza e seguridade levoume a aceptar, case sen querer, a súa invitación para un percorrido turístico pola vila. Faleille dos meus plans, mais decidiu que só respectariamos o do cine. Si, en plural. Ía vir comigo ver o filme. Decidín pechar o libro, pois estaba claro que non seguiría lendo. 
     - Que libro les? É interesante? Vinte moi concentrada nel. 

     Molestábame dicirlle a verdade. Que non tiña nin idea, que o collera ao chou e que tampouco tiña moi claro cal era a sensación que me estaba a causar. Nalgúns momentos víñanme ganas de ler con avidez, sen embargo noutros era como se esta fose a mesma historia que se le mil veces. Tampouco sei por que, cando o abría pensaba en Faulkner e no seu Yoknapatawpha. Habilmente virei o tema e acabei por falar da fermosa libraría en que o conseguira. A maneira perfecta para que o meu interlocutor volvese ao plan da tarde. 
     Quedou de recollerme diante do meu hostal ao cabo dunha hora. Novamente me molestou dicirlle o lugar onde me hospedaba, era un completo descoñecido, mais un descoñecido cunha enorme forza de persuasión. Parecía coma se as palabras fosen todas súas e non quedase ningunha libre para min. Fun para o hostal, lavei os dentes, descalceime e tombeime na cama cos ollos pechados. No MP3 soaba Bruce Springteen.


02/06/11

Cicatrices de hospital

Teño unha estraña relación cos hospitais. Son lugares que me prodúcen un fondo desacougo cando os contemplo dende fóra, mais cando penetro nos seus cuartos as sensacións son do máis diversas. 

Do tempo que pasei nel teño o recordo dun iougur. Aínda podo saborealo mentres a saliva molla a miña boca. Recordo as croquetas como unha pésima elección e aquel espello que trouxo un rostro que xa borrara. Sen embargo, as olores de hospital fanme chorar. Parece que os sentimentos non entran igual pola boca, polos ollos ou polo nariz. Na despedida, unhas flores para o cadro de persoal.

Estes días estiven novamente no hospital (no mesmo hospital) pero de acompañante. Algo cambia entón no aire e as colores pasan a esvaecerse lenemente. Recoñeces as voces e os sorrisos e os horarios e as agullas e as máquinas na noite, pero non falan igual. Agora traen sons de reconciliación co pasado, co futuro. Os silencios na noite trenzan cadeas do que debería ser e non é, e sinto medo de que os elos non estean ben forxados. Sei que é unha oportunidade, a oportunidade de volver coller o espello para mirarme e recoñecerme. Esta vez sinto que modelo e imaxe teñen a mesma definición. É a hora da merenda. Lembro a macedonia e as visitas. Bombóns para a enferma e bombóns para o persoal sanitario. Desta volta non hai flores.

Os hospitais son lugares estraños empeñados en coarse polas fendas da miña columna rasgada dun ou doutro xeito. As combinacións dos amores nunca son as mesmas. El máis eu, ás veces ela. Ela máis eu, ás veces el. En ambos casos as présas ennovelan traballos pendentes. Eu con el, sen el, ás veces ela (poucas). A realidade conxuga a primeira persoa do verbo. Escorrega o nós no transcorrer dos días. Ruídos de ambulancias, esquezo os cristais. Saio á rúa.

Non hai máis mundo cós teus ollos... lembro o poema mentres sorrío na luz plena do ceo azul. Eu, recoñecida, renacida.  O mar pinta de verde a tarde atlántica.

28/04/11

Postais





Hoxe alguén faloume de ti. Dos teus enormes ollos de lúa apagada. Do teu rostro serio cercenado nas noites de cicatrices. Dos teus versos publicados en libros xa famosos.

Hoxe alguén faloume de ti con esa indeferenza que me configura como ser estraño do  pasado, alleo a todo o teu futuro e a todo o teu presente, borrado das liñas dos poemas que non chegaches a me escribir.

Hoxe alguén faloume de ti. Os meus pensamentos percorreron praias mentres movía desordenadamente os seus beizos. Camiñei por areais de gaivotas illadas, crucei mares en trens que desapareceron no frío polar, mirei soles agachados en taigas enormes de ollos indecisos, de desexos mortecinos, de canles enleadas en augas turbias. Subín as pontes de vales infinitos ata os cumes cubertos polos beixos mortos de miradas non cruzadas.

Hoxe alguén faloume de ti... e non quixen chorar. Xurei que apenas me soaba o teu nome de poeta recoñecida e sorrín ante o título do teu novo libro ao tempo que simulaba non recoñecer as marés das túas palabras. Acredito que entón non soaron bisbillantes coma nos soños que teceran as miñas entranas.
E chegou o silencio da ignorancia. E a despedida.
Hoxe alguén faloume de ti a carón da vidreira dunha tenda de postais.



(A foto xa hai tempo que a teño no flickr. A música busqueina durante anos tras perdela no paso da adolescencia. Esta era / é "a miña canción")

25/04/11

Era un home de mar

Manu Chao, Si me das a elegir

Xa estaba publicado o 7/10/2010

Grazas Zeltia, grazas Aldabra polo aviso e o recordo. Lamento o erro. Hai que andar con tino cando se revolve nos papeis (cara de muller arroibada)

Un bico a todas e todos e perdón

13/11/10

A lúa e o sol IV

Había tempo que me sentía vencido polos seus eternos silencios. Converteuse en costume o xogo de buscar a súa mirada entre as regandixas do pasado. pode que non o saibas pero xamais me volveu  bicar. Encerrouse na súa torre de cristal a devorar as historias doutras vidas. É certo que non a amei o suficiente, pero asegúroche que non era fácil. Abrir a porta da casa significaba entrar no frío reino do baleiro, o lugar en que a indeferenza petaba na miña cara unha e outra vez. "Só é cansazo. Vulgar cansazo". Ambos sabiamos que non o era. As palabras non sempre significan o que deben. E a casa, aos poucos, foise enchendo de telarañas. Entón marchei.

Agora acúsame de non ter sentimentos, de deixar un enorme oco no seu dormitorio. Cantos baleiros se poden engadir ao lugar onde a nada é a totalidade? E repróchame non amala!! Mentres tanto mirarei miles de veces este río e o seu sorriso cravarase nos meus recordos enganados co paso do tempo; pero non voltarei. Non me podes pedir que volva a aquel mundo de bágoas incontroladas, de enfados constantes, de remorsos alagados en devenires do que non quixen. Non, Marta; non regresarei ao fogar esnaquizado.

...mais se a ves nunha tarde de sol radiante, dille que nunca saberá canto a amei!!

05/11/10

A lúa e o sol III

Algunhas veces a vida cóspeche na cara. Marta sabíao. Esa vella amiga que se engancha nos teus pés sen permiso para vapulearte ao seu antollo. E agora a vida aparecía entre aqueles amasillos de pasado para esnaquizar os soños e facer farrapos os risos que querían sobrevivir. Marta sabía que a vida era así e quizais por iso aferrábase a ela con paixón para non perderse nos bruscos descensos. 

Aquela mañá deixou soar o teléfono; pasase o que pasase el non volvería. Miráraa con aquela indiferenza que só a seguridade presta. Seguiu revolvendo o azucre no café co pensamento cravado nos vellos azulexos. Outra vez a cociña estaba baleira... e dubidou da compañía pasada. Coexistir nun espazo non é convivir. 

Milleiros de veces discutiran polos significados das palabras. As palabras plurisignifican, por iso hai que atopar sempre a correcta para dicir o que un desexa, para non crear confusións, para non mesturar mundos. Tantas veces lle botara en cara aquilo, que non ía ser ela agora quen liberara a maldición levantando aquel auricular. Non se pode falar cando inunda todo o sentimento do fracaso. E Marta sentía que fracasara, unha outra vez.

Palabras do pasado craváronse no son repetitivo do teléfono. E non descolgou. Gustáballe revolver o azucre do café mentres lía o xornal...

28/10/10

A lúa e o sol II


Chámome Marta, pero creo que xa oíches falar de min. Si, son esa que vai chorar á biblioteca; non podía ser perfecta.

Non sei moi ben por que che conto isto, aínda que podo imaxinar que vai unido aos propósitos que asinamos ao iniciar unha nova vida. O certo é que non creo que a miña o vaia a ser. Agora, simplemente, hei de baleirar os armarios e os andeis, almacenar as súas cousas en enormes caixas e gardalas no trasteiro (ambos sabemos que nunca volverá buscalas). Sara di que os homes cando marchan, non levan nada con eles, nin os recordos; que son xente práctica. Quizais el tamén sexa así. Creo que Sara o di porque nunca superou a marcha de C con aquela rapaza. Échenos moi fácil compararnos coa seguinte, coa suplente. Se é máis nova e máis guapa, el é un crápula. Se non o é, só nos queda o consolo de que se deixase enlear; porque hai unha verdade universal que di que nós, nunca, somos causa senón a consecuencia, non é?

Podería pórme a facer reconto de todo o pasado, mais non teño tempo nin ganas. Neste momento só desexo durmir. E sei que non poderei. A miña cabeza ordenará unha e outra vez os novos armarios, asinarei novas promesas, anoxareime cos enchufes que xamais serei quen de pór, caerán as xanelas de tanto esperar e rebordará o río todas as noites contidas.

Pero teño soño. Dóeme a cabeza e quero durmir. Quizais mañá un novo día brille no meu Tara. Quizais non sexan tantas as caixas que hei de amorear...



26/10/10

a lúa e o sol I

Aquel non era o seu lugar. Marta sabíao desde había tempo. Encerrada na biblioteca era incapaz de concentrarse nas negras letras daquel escuro libro. Non comprendía que facía alí nin que diantres buscaba nesas follas. A fin de contas só tiña ganas de chorar e para iso non fai falta ir a unha biblioteca. É máis o silencio que reina nestes lugares adoita aumentar os estados de melancolía (é unha lei universal, non? ).

Non quería moverse, levantar a cabeza ou enxugar as bágoas que se estrelaban contra as páxinas. Aínda así, sacudiu o nariz con ese xesto tan habitual nela e procurou entre os estraños obxectos que acumulaba no seu bolso os restos dalgún pano de papel. Servirían para evitar a catástrofe que a manga da súa chaqueta non facía máis que expandir.

E tentou perderse novamente entre as pequenas liñas de pensamentos inconexos. Todo pasara case sen querelo, como acontecen as grandes historias do universo, de forma automática. E agora un novo dioivo nacía con intención de arrastralo todo sen deixar sobreviventes. Pero ela sabía ben que sempre hai unha táboa á que aferrarse. Non pode haber naufraxio sen sobreviventes (é outra lei universal, non? ).

Notou nas súas costas a calor dun raio de sol, aínda que nunca tivo moi claro onde quedaba as costas; supuña que sería esa parte que non se deixa ver e que non se pode fregar coa esponxa na ducha da mañá. Pensou que era moi curioso que xusto neste momento unha caricia solar espertase esta zona durmida, máis que nada porque sempre fora unha muller de lúas, ou iso é o que a súa nai lle dicía sempre.

Decidiu permanecer inmóbil e comprobar o tempo que podía durar esta caricia, porque as caricias non son eternas. Tampouco son eternos os sorrisos, nin os ollos, nin as mans, nin os cheiros... mais si é imperecedeira a pegada que deixan nos nosos soños. E Marta era unha experta soñadora. Gardou os restos de pano no bolso, puxo o abrigo, devolveu o libro e saíu ao mundo irreal onde non hai nada imposíbel. Entón novamente descubriu un océano de sensacións salgadas que chegaban até os seus pés. E bañouse...

15/10/10

O esquío

Unha voz monótona e distante acompasaba o ritmo dos meus pensamentos. Tiña sono, ou quizais só era o aburrimento cotián ao recoñecerme fóra do meu lugar. A través da fiestra os meus ollos albiscaron un novo ser rebulindo pola carballeira. Era un esquío!, un esquío pequeno e inquedo que non paraba de correr. Observeino moito tempo cun sentimento que navegaba entre a admiración e a envexa. “O meu avó tiña esquíos na casa vella”... e o cheiro da pedra húmida asolagou o meu nariz. Se soubese escribilo, poñería que a miña boca degustou aquela imaxe do mesmo xeito que as primeiras peras do san Xoán.

Pero eu non sei poñer esas cousas; eu son o rapaz que sempre chega tarde ás brincadeiras dos compañeiros; o rapaz que pasea só polo patio perseguindo esquíos no outono ao outro lado do enreixado. Hai un profesor que me axuda nas clases e mándame facer deberes máis fáciles có resto dos nenos. Eu sento só. Detrás miña hai outras dúas rapazas que tamén reciben apoios (chámase así ter un profesor especial para nós), pero a elas si que lles gusta aprender e escriben e unha delas le moi ben, cunha voz moi bonita. Xa estiveran aquí o ano pasado e por iso os seus libros xa van gastos. A min non me gustan os libros. A min o que me gusta é mirar os esquíos a través do vidro. Unha profesora pediume que lle fixera un conto sobre o esquío branco do monte (así é como eu lle chamo, aínda que é castaño); anotei tres liñas e mireina. Eu non sei poñer na folla todas estas cousas que pasan na miña cabeza. Ela di que na mente temos as palabras e nós só debemos ordenalas para que poidan saír, darlles patadas como se fosen un balón que hai que levar ata a portería. Pero eu son distinto. Na miña mente non hai palabras, senón imaxes que unhas veces están quedas e outras son como unha película e van facendo historias.

Hai días en que sinto como un furado no estómago que me sobe pola gorxa e dáme ganas de chorar. Pasa ás veces cando chego a casa e mamá non está. Entón eu fago para que as lágrimas non saian e corro prender a tele. Levo comigo a caixa de galletas porque non sei cociñar, pero deixo algunha para o almorzo do día seguinte, non vaia ser que mamá non chegue para ir á tenda por máis. O outro día pola tarde veu unha muller mirar a casa e se tiñamos comida e falou moito con mamá de cousas serias. Mamá marchou atrás dela, pero por outro camiño, e non volveu ata o martes. Mentres como as galletas de chocolate vanme entrando os debuxos da tele pola boca e polos ollos, e xa non teño ganas de chorar. Agora soño que pinto esquíos e saen do papel brincando ata chegar á carballeira que se ve dende a ventá da miña aula.



23/09/10

asasinato

Chega o silencio, así sen que o esperes, de malas maneiras. Chega devagariño instalarse en todas as habitacións, facendo un uso impúdico do sofá que ata onte era só teu. Instálase sen permiso, aínda que tal vez estea respondendo á túa invitación. Esta mañá, cando calaches e fuxiches, sabías que isto podía pasar. Sempre está atento para o regreso; gústaslle. Lembras a primeira vez que vos vistes, que vos amastes con toda a paixón da mocidade, os seus bicos primeiros, as súas caricias, os teus ollos brillando na noite.

Cando chegou o desengano non estaba preparado. Fixérase á idea de que serías súa para sempre, de que nada nin ninguén podería separarvos. Foron moitos anos de felicidade, de miradas cómplices, de mans collidas á beira da praia... Ata que cruzou o ceo aquel avión. O seu ronsel debuxou palabras que nunca antes viras, aprendiches un novo vocabulario que enchía de vida o teu idioma. Namoraches.

Non o sentiches pechar a porta cando marchou, non houbo despedidas nin ata logos; entre vós nunca houbera palabras. Esquecíchelo sen rancores, sen saber nin como nin por que nin cando nin onde. Un avión navegaba os teus soños e non facía falla nada máis. Maduraches nunha felicidade recóndita, inaudita, eterna... Ou quizais, non tanto.

Agora fitalo sentado no salón, cos pés enriba da mesa e unha copa na man. Baleiro, choiva. Unha bágoa esvara polas túas meixelas cando colles o coitelo. Vas cara el, non se move. A alfombra suspira baixo os teus pasos mentres a mesa se separa para non estorbar no teu camiño. Non sorrí, nunca sorrí. El ámate misterioso e profundo. Cravas o gume unha e outra vez no seu peito incorpóreo. Bágoas. Silencio. Bágoas. Final.

06/07/10

afiador



Hoxe pasou por debaixo do meu balcón o afiador. Un sentimento nostálxico veu apoderarse de min. había moitísimos anos que non oía o seu chifro nin a súa voz potente berrar iso de "afiador!!". Quizais sexa a crise a que o trouxo de novo percorrer as miñas rúas, ou quizais estivo sempre aquí e era eu quen non tiña tempo abondo para escoitalo. Gustoume sentilo e recuperar esa parte do tempo que esvara entre os meus dedos sen eu percibilo.
Mireino mentres avanzaba lentamente pola avenida. Os meus pensamentos cabalgaron mundos de antano para remontar os presentes e incluso... deterse neles. Non houbo futuros raudos que me atrapasen; só a quietude desa música da infancia que trouxo o cheiro do mar a estas terras de montaña.
Volvín. Non polo mesmo camiño, pero xa estou aquí disposta a degustar o tempo moi devagariño...


07/06/10

Tristeza

Manu Chao, Si me das a elegir

- A tristeza non é eterna, pasará.
- Para ti é fácil dicilo. Ti es a que marchas.
- Igual que ti marchaches outras moitas veces de outras moitas habitacións.
- Pero eu quérote.
- Non podes quererme. É a terceira noite que pasamos xuntos. Non é amor. Os dous sabémolo. Só é a necesidade que se produce, en certos momentos da vida, de buscar un vínculo ao futuro, de perpetuarse, de asentarse para que o mañá non chegue tan rápido.
- Es inxusta.
- Quizais o sexa. Todos somos inxustos nalgún momento á vista dos demais.

Pechou a porta tras de si. Un golpe seco fixo tremer o futuro que soñara naquelas dúas noites xunto ao mar. Os seus beizos salgados non percorrerían máis o seu corpo absorto nos ampeos da lúa. Iríase desvanecendo no máis puro obstracismo. Agora que a atopara tras percorrer infinitas selvas nocturnas...!!
Chorou. Chorou desconsoladamente, sen ruído apenas, para non tapar o son da porta por se ela regresaba. O día foise tornando gris, escuro, noite. E tras a primeira veu outra, e outra, e outra noite máis, e un día coa súa tarde para acabar noutra nova noite... Por fin saíu á nada. Quería afogar toda a súa tristeza no cheiro mariño da area atlántica.

Entrou nun daqueles pubs do Orzán e empezou por mergullarse nun whisky con cola (nunca dixen que fose un home moderno). Tomou o vaso frío entre as mans e deu media volta para bebelo de fronte á porta. Sempre o facía. Nunca quedaba de costas na barra. Entón, cal soño violeta, entrou ela. A súa saia capeada acompañaba vaporosamente os seus pasos ao andar. Recoñeceu o seu pelo, a súa fermosa melena negra. Era ela; a muller coa que levaba soñando toda a vida. Sorriu; esta vez si a era.

Lembrou aquelas palabras que alguén lle dixera había moito tempo: a tristeza non dura eternamente.

11/05/10

E de súpeto fomos tres...


E de súpeto fomos tres. Tres parvos que mirabamos o mar mentres nos afastabamos para sempre dos teus pasos, tres persoas soas no medio do universo que ti crearas para nós.

Sabía a sal aquela despedida nunca pronunciada. Nos teus ollos debuxábase unha felicidade insultante que contrastaba cos nosos sorrisos conxelados. E non é que non desexásemos que foses feliz, para nada; pero non sabiamos por que non encaixabamos agora no teu proxecto. Ben, eu si o sabía. Había meses que o sabiamos os dous, mesmo antes de que os nosos beizos articulasen a palabra exacta, o rictus preciso. Non doe saber que alguén xa non te desexa, o que doe é oílo na voz. Soa metálico, distante, coma se o son saíse dunha absurda gravación.

E fomos tres. Non cruzamos palabras, nin miradas, nin xestos; concentrámonos no horizonte agarrados ao medo antigo e escuro de que se cumpra aquilo que se pronuncia, pois nin sequera sabiamos que era o que desexabamos. O rir das gaivotas mesturouse co son dos barcos que querían atracar, ou desatracar, como corazóns que deben trazar unha nova singradura aínda antes de abrir o diario de a bordo. Páxinas en branco violando o pasado que fora escrito nos bancos da facultade, cando a vida teima en chamar á túa porta de forma apresurada e entrelazar futuros de persoas que se miran a furto no corredor das fotocopias.

Lembraba aquel día no que os tres ocupabades os asentos dunha biblioteca chea en vésperas de exames. Os vosos apuntamentos esparexidos na mesa desordenadamente e os rostros somnolientos déranme a pista. Se esperaba pacientemente en breve conseguiría un lugar para min. Non iades aguantar moito sen un café. Sabíao, e así foi. En canto marchastes apartei aquela marabunta de follas e acomodei o meu espazo, delimitando o meu territorio con hábil organización. Tras aquela pausa de media mañá no bar do lado, ningún de vós se atreveu a arrebatarme a miña conquista. E fiquei para sempre... Non naquela escura e fría biblioteca, senón nas vosas vidas.

Agora navegabamos á deriva sen o noso capitán, sen saber quen debía sucederte no cargo. Chegamos ás 21:36 ao peirao. Antes de desembarcar volvinme, quería atrapar a túa nova cidade nos ollos para saber sempre onde non debería buscarte. Xa en terra mireinos por primeira vez desde que te foras, sorrín e dirixín os nosos destinos cara a un bar próximo. Unhas cervexas, unhas racións de polbo e uns chipiróns serían un bo avituallamento para este futuro prometedor que se abría ás nosas ansias de poder ser sen ti.