O estómago avisouna de que xa levaba tempo de máis alí sentada. Gardou o libro, pendurou o bolso do ombro e abandonou o tacto frío da pedra. logo abriu a guía para buscar o enderezo da casa de comidas. Como non estaba moi lonxe, decidiu ir a pé. Era unha pequena taberna construída en madeira que aínda gardaba o recendo de principios de século. Gostaba destes sitios onde podía fornecerse de historias coas que soñar. Deixouse aconsellar polo camareiro para escoller o menú; para beber, coma sempre, pediu auga con gas. Estaba afeita a que non a tivesen nos restaurantes, mais ela insistía. Recordaba aquela vez en Santander que fora un camareiro buscala á tenda do lado. Ao traerlles a factura non llela cobraran e marcharan coa promesa de voltar en vindeiras ocasións en que xa a terían, segundo prometeron.
Mentres agardaba polo xantar tomou o móbil do bolso, revisou a súa axenda, leu as últimas noticias e procurou os eventos locais. Pola tarde había unha sesión de cine clube no museo ás 8. Oíra falar desta sala, non tanto polas proxeccións como polo interesante do seus debates. Pasaban un filme estranxeiro que ela xa vira un par de veces na televisión, mais nunca en pantalla en grande. Así pois, tras visitar as exposicións quedaría ver Philadelphia.
O primeiro era unha crema de cabaza, un dos seus pratos favoritos. Súa nai dáballe un toque especial que ela nunca aprendera. Tampouco llo preguntara, esa era a verdade. Non falaban moito e menos de cociña. Todos deran por suposto, hai xa moitos anos, que non lle gustaba cociñar e non se preocupara en desmentilo. Moitas veces sentíase coma unha estraña na súa propia familia. Saboreadas as primeiras culleradas decidiu sacar o libro para seguir lendo. "Fora na primavera de 1940. Eu acababa de cumprir os 12 anos, xusto tres días despois de que Xoel rompese a perna. Lémbroo porque non puidera vir á festa. Mamá fixera unha enorme torta de chocolate e biscoito que, tras as carreiras polo monte, devoramos coma se nunca antes tivésemos comido. Papá tampouco puidera vir a ese aniversario. Creo que no fondo me alegraba diso."
- Que tal está a comida? Gústalle?
Deixei o libro para comentar as excelencias dos pratos. Entón o cociñeiro fíxome saber que me esperaba o mellor. Non me deixaba escoller a sobremesa. Tiña que probar o suculento soufflé da casa. Non me atrevín a refusalo, pero o certo é que eu sempre fun máis de froita ca de doces. En canto o empecei volveu xunta miña. Pouco máis de dúas frases e xa estaba sentado na miña mesa falándome das marabillas da cociña local e da excelencia do lugar. Novamente a súa forza e seguridade levoume a aceptar, case sen querer, a súa invitación para un percorrido turístico pola vila. Faleille dos meus plans, mais decidiu que só respectariamos o do cine. Si, en plural. Ía vir comigo ver o filme. Decidín pechar o libro, pois estaba claro que non seguiría lendo.
- Que libro les? É interesante? Vinte moi concentrada nel.
![]() |
Molestábame dicirlle a verdade. Que non tiña nin idea, que o collera ao chou e que tampouco tiña moi claro cal era a sensación que me estaba a causar. Nalgúns momentos víñanme ganas de ler con avidez, sen embargo noutros era como se esta fose a mesma historia que se le mil veces. Tampouco sei por que, cando o abría pensaba en Faulkner e no seu Yoknapatawpha. Habilmente virei o tema e acabei por falar da fermosa libraría en que o conseguira. A maneira perfecta para que o meu interlocutor volvese ao plan da tarde.
Quedou de recollerme diante do meu hostal ao cabo dunha hora. Novamente me molestou dicirlle o lugar onde me hospedaba, era un completo descoñecido, mais un descoñecido cunha enorme forza de persuasión. Parecía coma se as palabras fosen todas súas e non quedase ningunha libre para min. Fun para o hostal, lavei os dentes, descalceime e tombeime na cama cos ollos pechados. No MP3 soaba Bruce Springteen.






5 e eu diría máis...:
esta historia sigue a prometer moito e o misterio do libro sigue sin resolverse.
en todo momento podo poñerme no lugar da protagonista, por eso faiseme mais cercano.
biquiños,
Desde logo a istoria segue moi interesante,
Quedo espectante co que vai acontecer, xa estou atrapada.
Siga contando, saúdos
Sempre me sorprendes cunha boa historia. Quedo agardando a ver como se vai desenvolvendo esta.
Bicos.
Sempres nos deixas coa premura de ler o seguinte jajaja. Fermoso, porque transmite e nos deixa a espera. Un saúdo raíña
A cousa promete, hai intriga. Estarei atento a como se desenrola.
Apertas.
Enviar um comentário