Mostrar mensagens com a etiqueta breve. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta breve. Mostrar todas as mensagens

15/04/12

A fotografía

Unha vez díxome "para facer boas fotografías hai que ir só".
Hoxe é un grande fotógrafo...



eu sigo a experimentar a forma de facerche o mellor retrato.


 

31/12/11

Un inciso

Maldita madalena!!
Parece que nestas épocas sempre anda todo un pouco revolto. Creo que isto é debido, na súa maior parte, a esta idea de estarmos felices e sermos "bos" que nos venden dende pequenos. Mais xa a experiencia de cada ano nos leva a constatar que estas datas son propensas para os desencontros, para as tristezas, para as frustracións. Como consegue unha estar á altura da alegría de todos os anuncios da tv?

O certo é que eu, coma sempre, comecei cunha ilusión desbordante; anunciando aos catro ventos (e aos dous furacáns que me acompañan dende nena) a miña ilusión pola chegada do nadal. Non polo seu significado relixioso, que pouco ou nada me di, senón polos reencontros coa familia, os agasallos, os vestidos novos... Mais non hai dúbida que da ilusión deriva a xente ilusa. Xa anunciaron novos recortes no meu soldo acompañados de máis horas de traballo; augúrase a desaparición pública da miña lingua en beneficio dunha case imposíbel de pronunciar (e é que len moi raro); a familia encontrouse e, como en cada cea masiva, apareceron os desencontros (malia ter coidado de non falar de política, nin de relixión, nin moito menos de sexo). E por se todo isto fose pouco, chamáchesme para que oíse como afirmabas que xa non me queres (son tan volúbeis os sentimentos!!). 

Aínda así segue a facerme ilusión ver as rúas engalanadas, espallar risos polo salón mentres escollemos o vestiario das pequenas, comprar ás carreiras os agasallos e agochalos ata a noite de reis e gozar das vacacións tan merecidas e ansiadas. Durmo moitas máis horas, leo moitísimas máis e, sobre todo, pénsome dunha forma moito máis amábel... malia o teu adeus, a redución do salario, o aumento do traballo mal pagado. Sei que fóra todo vai mal, pero aférrome na idea de que o 2012 nos traerá grandes realidades desprendidas dos nosos propios soños.

 Moitísima felicidade para todas e todos os que por aquí pasades.
Un beixo de cava para cada un!!!



12/10/11

Pasou


Pasou o tempo de agocharse
tic.......tac
morreron as sombras no xardín e medraron crisantemos.

- Mamá, os crisantemos son as flores dos mortos?

- Os mortos non teñen flores

Pasou o tempo esvaradío no recuncho dos teus ollos. A auga filtra lumieiras escuras polos cristais. Non volverás; non volverei. Area fuxidía anuncia solpores entre os dedos.
tic...................tac

Como un diapasón marcando os compases do que virá, malia sabermos que nada ha de vir. Silencio. Saltas os crepúsculos de antano para evitar que sexan futuros irreverentes. Recolle o pano.

No regueiro frío da noite
a nena xoga coa boneca
muiñeira bonita de Láncara
lava os cabelos da doncela.

Pasou o tempo
pasou o sono
pasou o verso
pasou...

os teus ollos non están.

02/06/11

Cicatrices de hospital

Teño unha estraña relación cos hospitais. Son lugares que me prodúcen un fondo desacougo cando os contemplo dende fóra, mais cando penetro nos seus cuartos as sensacións son do máis diversas. 

Do tempo que pasei nel teño o recordo dun iougur. Aínda podo saborealo mentres a saliva molla a miña boca. Recordo as croquetas como unha pésima elección e aquel espello que trouxo un rostro que xa borrara. Sen embargo, as olores de hospital fanme chorar. Parece que os sentimentos non entran igual pola boca, polos ollos ou polo nariz. Na despedida, unhas flores para o cadro de persoal.

Estes días estiven novamente no hospital (no mesmo hospital) pero de acompañante. Algo cambia entón no aire e as colores pasan a esvaecerse lenemente. Recoñeces as voces e os sorrisos e os horarios e as agullas e as máquinas na noite, pero non falan igual. Agora traen sons de reconciliación co pasado, co futuro. Os silencios na noite trenzan cadeas do que debería ser e non é, e sinto medo de que os elos non estean ben forxados. Sei que é unha oportunidade, a oportunidade de volver coller o espello para mirarme e recoñecerme. Esta vez sinto que modelo e imaxe teñen a mesma definición. É a hora da merenda. Lembro a macedonia e as visitas. Bombóns para a enferma e bombóns para o persoal sanitario. Desta volta non hai flores.

Os hospitais son lugares estraños empeñados en coarse polas fendas da miña columna rasgada dun ou doutro xeito. As combinacións dos amores nunca son as mesmas. El máis eu, ás veces ela. Ela máis eu, ás veces el. En ambos casos as présas ennovelan traballos pendentes. Eu con el, sen el, ás veces ela (poucas). A realidade conxuga a primeira persoa do verbo. Escorrega o nós no transcorrer dos días. Ruídos de ambulancias, esquezo os cristais. Saio á rúa.

Non hai máis mundo cós teus ollos... lembro o poema mentres sorrío na luz plena do ceo azul. Eu, recoñecida, renacida.  O mar pinta de verde a tarde atlántica.

24/05/11

Rexurdimento

Farta de reflexionar, de debater, de analizar... chegou o momento de embarcarse, outra vez, no futuro. Este é o país que quero, a terra que amo; este é o lugar onde nacín, onde vivo e onde quero ficar (aproveito para dicir que non quero morrer, así que ficarei eternamente no noso Avalon). Estou e son, xunto con toda a xente coa que coexisto. Algúns gústanme moitísimo, outros menos e hai outros que nadiña de nada. Pero sei que a terra non é propiedade exclusiva, nin tampouco a quero máis ca ninguén, así que toca compartir. Dóeme usufructuala con esa caste de persoas que, tal vez sen darse de conta ou quizais á mantenta, fan dela unha sucursal da grande empresa que queren gobernar, pero é o que hai e ademais parece que son maioría.

Iso si, debo recoñecer que non me poñen medo as multitudes e ben sei que, por pequena que sexa nao, navegará mares e mareas salvando temporais se a tripulación voga toda no mesmo sentido. Quizais a singradura sexa dura, pero a velame está disposta. Que se preparen os soños, imos facelos realidades!!!


Iremos xunto Manuel Antonio, para sermos Nós nun novo Rexurdimento.

03/05/11

hoxe non quería falar

...
Mais eu hoxe non quería falarvos
da orgullosa, vermella e triste bandeira
...

Manuel Rivas


Levo todo o día con estes versos na cabeza. Será porque sei do que non quero falar, mais teimosamente volta unha e outra vez á cabeza. Eu hoxe non quería falar da maldade recén descuberta, das persoas ferro que cravan punzóns de odio nos ventres dos fillos, das palabras veleno que feren cruentamente e non matan. Non quería falar desas mans que afogan os caraveis de abril. Non quería falar.

Pero necesito escupilo, sacalo de dentro, porque me doe. Dóeme ela, o seu sorriso apagado, o seu traballo vilipendiado pola envexa de xentes ruíns. Dóeme o que non entendo, o que non ten explicación racional, o que deriva da esencia da miseria. E outra vez dóeme o seu rostro triste, esmorecido no cansancio, esnaquizado polos golpes dos tecnócratas.

E se todo isto fose literatura, non me percorrería o estómago esta náusea irredenta. Pensaría que non se debe escribir de feitos dolorosos cando hai tanta beleza ao noso redor. Lamento, pois, que esta vez a realidade noxenta teclee estas verbas que non van servir máis que coma exorcismo. Porque a declaración de amor non cura as feridas.

Póñenlle nomes estranxeiros (mobbing) para que parezan menos feroces. Que ironía! As linguas viperinas agóchanse en peles de años. Mais a súa apariencia de directivo honrado, maqueado con vernices tóxicos, non fará nunca que dubidemos de quen é a xente de ben nesta terra. Ti es, miña sorrinte P, das eternas, das que sobreviven nos naufraxios, das que saben que a vida xermola beleza fóra deses catro nefastos muros contaminados. Quérote, egoistamente, por iso.


(P. leva anos sufrindo acoso laboral. Ese acoso que non deixa marcas na pel, pero que vai minando pouco a pouco. Malia iso, o seu sorriso brilla; aínda que pareza que está no fondo.)

28/04/11

Postais





Hoxe alguén faloume de ti. Dos teus enormes ollos de lúa apagada. Do teu rostro serio cercenado nas noites de cicatrices. Dos teus versos publicados en libros xa famosos.

Hoxe alguén faloume de ti con esa indeferenza que me configura como ser estraño do  pasado, alleo a todo o teu futuro e a todo o teu presente, borrado das liñas dos poemas que non chegaches a me escribir.

Hoxe alguén faloume de ti. Os meus pensamentos percorreron praias mentres movía desordenadamente os seus beizos. Camiñei por areais de gaivotas illadas, crucei mares en trens que desapareceron no frío polar, mirei soles agachados en taigas enormes de ollos indecisos, de desexos mortecinos, de canles enleadas en augas turbias. Subín as pontes de vales infinitos ata os cumes cubertos polos beixos mortos de miradas non cruzadas.

Hoxe alguén faloume de ti... e non quixen chorar. Xurei que apenas me soaba o teu nome de poeta recoñecida e sorrín ante o título do teu novo libro ao tempo que simulaba non recoñecer as marés das túas palabras. Acredito que entón non soaron bisbillantes coma nos soños que teceran as miñas entranas.
E chegou o silencio da ignorancia. E a despedida.
Hoxe alguén faloume de ti a carón da vidreira dunha tenda de postais.



(A foto xa hai tempo que a teño no flickr. A música busqueina durante anos tras perdela no paso da adolescencia. Esta era / é "a miña canción")

25/04/11

Era un home de mar

Manu Chao, Si me das a elegir

Xa estaba publicado o 7/10/2010

Grazas Zeltia, grazas Aldabra polo aviso e o recordo. Lamento o erro. Hai que andar con tino cando se revolve nos papeis (cara de muller arroibada)

Un bico a todas e todos e perdón

18/04/11

Medo





De súpeto rompeuse o silencio eterno. Soaba o teléfono; primeiro debilmente, despois máis alto e máis e máis e máis... Martelaba nos meus oídos nun estrondo enxordecedor. Chamaba forte por min; berraba histericamente o meu nome,

Riiiiiing,
golpeábame na cara

Riiiiiing,
golpeábame no lombo

Riiiiiing,
golpeábame nas pernas

Riiiiiing,
pateaba no meu ventre

Riiiiiing,

Lembrei os golpes no corpo, as mazaduras nos brazos, o sangue estarricado polo chan


golpeábame na cara

golpeábame no lombo

golpeábame nas pernas

pateaba no meu ventre




Tiven medo.
Un nó apertoume o estómago impedídonme poñerme en pé. Arrastreime ata o baño fincando as unllas no chan. As mans colapsáronse, os ollos pecháronse, a boca babuñaba incesantemente. Reptei por detrás daquelas cortinas navegando as miñas propias bágoas.
Foi entón que a vin. Brillaba maxestuosa nas miñas mans. Tremendo, dei co camiño ata o pulso. Nunca máis tería medo. Nunca máis volverían as voces. Nunca máis os perdóns nin as angurias nin os remordementos. Nunca máis,

eu.
...
...
...
...
...
...
...
...
...

Ruído de ambulancias. Estou. Sei que non deixarás que volva ter medo.


P.S.:

27/03/11

Ausencias



Derivadas dubidosas dunha ausencia rutineira que se enlea con Saturno en disquisicións vacuas.

- Acaso queres dicir...?
- Se quixese dicir, tería dito. Só quería saber como soaba a ausencia.
- E xa o sabes?
- Creo que si.
- Marcharás outra vez?
- Quen pode comprometer o mañá?

Miráronse nos ollos da outra e entrecruzaron os dedos. Susana tiña medo de volvela perder, pero sabía que nada podía facer para evitalo. Apertouna moi forte contra o peito e acariñoulle o pelo na cadencia da música, coa suavidade do fondo do océano.

Derivadas certas dunha presenza aleatoria que esvara polo peito de Saturno en miradas plenas.


Apanhei o vento vi o coreto tão cheio
enchendo de sono e comigo lá no meio 
Vi correr as velas como folhas de um diário 
dei a volta à terra conduzido por corsários 
e por fim cheguei à ilha onde o meu amor morou 
(Esta é a música que eu escoitaba, mais que non atopei pola rede: Joao Afonso, Pó do armário in Barco voador)


15/10/10

O esquío

Unha voz monótona e distante acompasaba o ritmo dos meus pensamentos. Tiña sono, ou quizais só era o aburrimento cotián ao recoñecerme fóra do meu lugar. A través da fiestra os meus ollos albiscaron un novo ser rebulindo pola carballeira. Era un esquío!, un esquío pequeno e inquedo que non paraba de correr. Observeino moito tempo cun sentimento que navegaba entre a admiración e a envexa. “O meu avó tiña esquíos na casa vella”... e o cheiro da pedra húmida asolagou o meu nariz. Se soubese escribilo, poñería que a miña boca degustou aquela imaxe do mesmo xeito que as primeiras peras do san Xoán.

Pero eu non sei poñer esas cousas; eu son o rapaz que sempre chega tarde ás brincadeiras dos compañeiros; o rapaz que pasea só polo patio perseguindo esquíos no outono ao outro lado do enreixado. Hai un profesor que me axuda nas clases e mándame facer deberes máis fáciles có resto dos nenos. Eu sento só. Detrás miña hai outras dúas rapazas que tamén reciben apoios (chámase así ter un profesor especial para nós), pero a elas si que lles gusta aprender e escriben e unha delas le moi ben, cunha voz moi bonita. Xa estiveran aquí o ano pasado e por iso os seus libros xa van gastos. A min non me gustan os libros. A min o que me gusta é mirar os esquíos a través do vidro. Unha profesora pediume que lle fixera un conto sobre o esquío branco do monte (así é como eu lle chamo, aínda que é castaño); anotei tres liñas e mireina. Eu non sei poñer na folla todas estas cousas que pasan na miña cabeza. Ela di que na mente temos as palabras e nós só debemos ordenalas para que poidan saír, darlles patadas como se fosen un balón que hai que levar ata a portería. Pero eu son distinto. Na miña mente non hai palabras, senón imaxes que unhas veces están quedas e outras son como unha película e van facendo historias.

Hai días en que sinto como un furado no estómago que me sobe pola gorxa e dáme ganas de chorar. Pasa ás veces cando chego a casa e mamá non está. Entón eu fago para que as lágrimas non saian e corro prender a tele. Levo comigo a caixa de galletas porque non sei cociñar, pero deixo algunha para o almorzo do día seguinte, non vaia ser que mamá non chegue para ir á tenda por máis. O outro día pola tarde veu unha muller mirar a casa e se tiñamos comida e falou moito con mamá de cousas serias. Mamá marchou atrás dela, pero por outro camiño, e non volveu ata o martes. Mentres como as galletas de chocolate vanme entrando os debuxos da tele pola boca e polos ollos, e xa non teño ganas de chorar. Agora soño que pinto esquíos e saen do papel brincando ata chegar á carballeira que se ve dende a ventá da miña aula.



23/09/10

asasinato

Chega o silencio, así sen que o esperes, de malas maneiras. Chega devagariño instalarse en todas as habitacións, facendo un uso impúdico do sofá que ata onte era só teu. Instálase sen permiso, aínda que tal vez estea respondendo á túa invitación. Esta mañá, cando calaches e fuxiches, sabías que isto podía pasar. Sempre está atento para o regreso; gústaslle. Lembras a primeira vez que vos vistes, que vos amastes con toda a paixón da mocidade, os seus bicos primeiros, as súas caricias, os teus ollos brillando na noite.

Cando chegou o desengano non estaba preparado. Fixérase á idea de que serías súa para sempre, de que nada nin ninguén podería separarvos. Foron moitos anos de felicidade, de miradas cómplices, de mans collidas á beira da praia... Ata que cruzou o ceo aquel avión. O seu ronsel debuxou palabras que nunca antes viras, aprendiches un novo vocabulario que enchía de vida o teu idioma. Namoraches.

Non o sentiches pechar a porta cando marchou, non houbo despedidas nin ata logos; entre vós nunca houbera palabras. Esquecíchelo sen rancores, sen saber nin como nin por que nin cando nin onde. Un avión navegaba os teus soños e non facía falla nada máis. Maduraches nunha felicidade recóndita, inaudita, eterna... Ou quizais, non tanto.

Agora fitalo sentado no salón, cos pés enriba da mesa e unha copa na man. Baleiro, choiva. Unha bágoa esvara polas túas meixelas cando colles o coitelo. Vas cara el, non se move. A alfombra suspira baixo os teus pasos mentres a mesa se separa para non estorbar no teu camiño. Non sorrí, nunca sorrí. El ámate misterioso e profundo. Cravas o gume unha e outra vez no seu peito incorpóreo. Bágoas. Silencio. Bágoas. Final.

06/07/10

afiador



Hoxe pasou por debaixo do meu balcón o afiador. Un sentimento nostálxico veu apoderarse de min. había moitísimos anos que non oía o seu chifro nin a súa voz potente berrar iso de "afiador!!". Quizais sexa a crise a que o trouxo de novo percorrer as miñas rúas, ou quizais estivo sempre aquí e era eu quen non tiña tempo abondo para escoitalo. Gustoume sentilo e recuperar esa parte do tempo que esvara entre os meus dedos sen eu percibilo.
Mireino mentres avanzaba lentamente pola avenida. Os meus pensamentos cabalgaron mundos de antano para remontar os presentes e incluso... deterse neles. Non houbo futuros raudos que me atrapasen; só a quietude desa música da infancia que trouxo o cheiro do mar a estas terras de montaña.
Volvín. Non polo mesmo camiño, pero xa estou aquí disposta a degustar o tempo moi devagariño...


07/06/10

Tristeza

Manu Chao, Si me das a elegir

- A tristeza non é eterna, pasará.
- Para ti é fácil dicilo. Ti es a que marchas.
- Igual que ti marchaches outras moitas veces de outras moitas habitacións.
- Pero eu quérote.
- Non podes quererme. É a terceira noite que pasamos xuntos. Non é amor. Os dous sabémolo. Só é a necesidade que se produce, en certos momentos da vida, de buscar un vínculo ao futuro, de perpetuarse, de asentarse para que o mañá non chegue tan rápido.
- Es inxusta.
- Quizais o sexa. Todos somos inxustos nalgún momento á vista dos demais.

Pechou a porta tras de si. Un golpe seco fixo tremer o futuro que soñara naquelas dúas noites xunto ao mar. Os seus beizos salgados non percorrerían máis o seu corpo absorto nos ampeos da lúa. Iríase desvanecendo no máis puro obstracismo. Agora que a atopara tras percorrer infinitas selvas nocturnas...!!
Chorou. Chorou desconsoladamente, sen ruído apenas, para non tapar o son da porta por se ela regresaba. O día foise tornando gris, escuro, noite. E tras a primeira veu outra, e outra, e outra noite máis, e un día coa súa tarde para acabar noutra nova noite... Por fin saíu á nada. Quería afogar toda a súa tristeza no cheiro mariño da area atlántica.

Entrou nun daqueles pubs do Orzán e empezou por mergullarse nun whisky con cola (nunca dixen que fose un home moderno). Tomou o vaso frío entre as mans e deu media volta para bebelo de fronte á porta. Sempre o facía. Nunca quedaba de costas na barra. Entón, cal soño violeta, entrou ela. A súa saia capeada acompañaba vaporosamente os seus pasos ao andar. Recoñeceu o seu pelo, a súa fermosa melena negra. Era ela; a muller coa que levaba soñando toda a vida. Sorriu; esta vez si a era.

Lembrou aquelas palabras que alguén lle dixera había moito tempo: a tristeza non dura eternamente.

01/06/10

mortos

Está un día gris. Vai unha calor abafante que parece enchelo todo no medio dunha radio que vocifera entretementos frívolos. Lonxe, moi lonxe de aquí, alguén chora polos mortos deste día. Miradas inconexas buscan un atisbo de razón na sinrazón dun mundo que se destrúe en aras do progreso. Erguen os ollos e ven os veciños levantando muros cos cadáveres arrincados das mans. Non hai odio na súa mirada, só baleiro. Tentan aferrarse aos corpos dos seus mentres a noite non cae, percorrendo os seus rostros, amañando as súas roupas, desenleando o seu cabelo. Temen que a escuridade traia o olvido que enguedella as guerras. Non saben cando empezou todo isto, nin sequera son conscientes de ter pedido este mundo; teríalles servido calquera outro, calquera outro...

Mais a noite chega para arrebatarlles os recordos e embebedar todo con rencores ata agora descoñecidos. E nace o odio que empuña as armas que mañá traerá novos mortos.

Eu non quería, madre! Xuro que eu non quería!

Videos tu.tv

11/05/10

E de súpeto fomos tres...


E de súpeto fomos tres. Tres parvos que mirabamos o mar mentres nos afastabamos para sempre dos teus pasos, tres persoas soas no medio do universo que ti crearas para nós.

Sabía a sal aquela despedida nunca pronunciada. Nos teus ollos debuxábase unha felicidade insultante que contrastaba cos nosos sorrisos conxelados. E non é que non desexásemos que foses feliz, para nada; pero non sabiamos por que non encaixabamos agora no teu proxecto. Ben, eu si o sabía. Había meses que o sabiamos os dous, mesmo antes de que os nosos beizos articulasen a palabra exacta, o rictus preciso. Non doe saber que alguén xa non te desexa, o que doe é oílo na voz. Soa metálico, distante, coma se o son saíse dunha absurda gravación.

E fomos tres. Non cruzamos palabras, nin miradas, nin xestos; concentrámonos no horizonte agarrados ao medo antigo e escuro de que se cumpra aquilo que se pronuncia, pois nin sequera sabiamos que era o que desexabamos. O rir das gaivotas mesturouse co son dos barcos que querían atracar, ou desatracar, como corazóns que deben trazar unha nova singradura aínda antes de abrir o diario de a bordo. Páxinas en branco violando o pasado que fora escrito nos bancos da facultade, cando a vida teima en chamar á túa porta de forma apresurada e entrelazar futuros de persoas que se miran a furto no corredor das fotocopias.

Lembraba aquel día no que os tres ocupabades os asentos dunha biblioteca chea en vésperas de exames. Os vosos apuntamentos esparexidos na mesa desordenadamente e os rostros somnolientos déranme a pista. Se esperaba pacientemente en breve conseguiría un lugar para min. Non iades aguantar moito sen un café. Sabíao, e así foi. En canto marchastes apartei aquela marabunta de follas e acomodei o meu espazo, delimitando o meu territorio con hábil organización. Tras aquela pausa de media mañá no bar do lado, ningún de vós se atreveu a arrebatarme a miña conquista. E fiquei para sempre... Non naquela escura e fría biblioteca, senón nas vosas vidas.

Agora navegabamos á deriva sen o noso capitán, sen saber quen debía sucederte no cargo. Chegamos ás 21:36 ao peirao. Antes de desembarcar volvinme, quería atrapar a túa nova cidade nos ollos para saber sempre onde non debería buscarte. Xa en terra mireinos por primeira vez desde que te foras, sorrín e dirixín os nosos destinos cara a un bar próximo. Unhas cervexas, unhas racións de polbo e uns chipiróns serían un bo avituallamento para este futuro prometedor que se abría ás nosas ansias de poder ser sen ti.

04/05/10

Vida miña!

Nin todas as calmas preceden tempestades, nin todas as tempestades asolaron a terra. Vivirei na boca daqueles que un día naceron ao mundo baixo o meu acubillo. E construiremos futuro cementado con longas linguas propias.

Entón berrarei forte: berce, acougo, silandeira, vento. Tecerei versos novos no cume do Pindo e sorrirei mirando o sol que se deita no horizonte, dende O Courel a Compostela, coa miña semente liberada.

Iso dixo a lingua coa voz das xentes que se xuntan para cantala ou para facer dela a forza do seu amor.
foto do concerto pola lingua celebrado en Lugo o sábado 1 de maio. Feita por setesoles

E alí descubrín a Emilio Rúa:



01/05/10

Outros días...

Un día coma outro calquera, ou case. Sen saber porqué levabas o sorriso nos límites da pel agardando saír en explosión na primeira oferta que recibise. Un aire sosegado percorría o teu corpo facéndoche cóxegas, de cando en vez, nos dedos dos pés. Todo fora ben ata ese momento, ou máis ca iso, nada do que pasara, fixera cambiar o teu estado de ánimo da mañá. Amenceras envolveita nun sol de abril quente coma nos meses de verán. Un sol que agora se espreguizaba vendo chegar a hora do seu merecido descanso.

Xusto cando estabas na porta disposta para saír, soou o teléfono. Dubidaches se volver atrás. Ías co tempo xusto (coma sempre) e a esas horas só podía ser para venderche algo ou... Volviches ao cuarto e miraches o número. Era ela. Un novo sorriso apareceu para iluminar toda a túa cara. Oíches a súa voz no outro lado do fío. Nunca sabería canto a amabas!

- Teño unha dúbida: que é unha marquesiña?

Segura de cal era o texto dos deberes desta tarde, respondícheslle pronta que era unha marquesa pequena, e case saboreaches o conto de Castelao na punta dos beizos. Retrucou un pouco enfadada que non podía ser iso, algo tan obvio teríao entendido ela soa. Explicouche o contexto e entón décheste conta de que estabades a falar de marquesiñas de autobús. Iso si. Iso si cadraba ben na oración. Medrando na cara aínda máis a felicidade pola súa satisfación, pediches o teu bico grande de despedida, eses dos que...

- Sabes? - dixo sen deixarche apenas rematar - Gústanme as violetas do Teide.

Toda a tenrura do mundo tivo cabida no teu corpo, que pareceu agrandarse para non deixar ningunha fóra. Miráchela cos ollos da lembranza próxima e amáchela aínda máis (non moi segura de se iso sería posíbel). Parou o tempo e as présas desapareceron. Como un eco a súa voz rebotaba nas violetas do Teide. Víraas nun libro. Aí vai un bico con sabor a océano. Chaoooo!!

Certamente hai días en que nada malo pode pasar. Saíches soñando violetas que nunca viras pero que sabías que xa non serías quen de olvidar. Violetas do Teide para a pequena que pinta mundos de colores coa súa paleta, aínda que non lle apeteza, polo de agora, usar as acuarelas.



Para a miña A. que pinta soños cada día para min.






27/04/10

Hai días

Hai días en que a tristeza che gaña a partida ás cartas, así, de malleira, sen máis posibilidades de desquite. Son eses días que se che coan polos petos coma aquela néboa mesta do Barbaña que lías nos libros do Ferrín. Hai días grises, escuros, case negros, en que o sol que entra pola ventá foxe espantado ao ver os ollos que o agardan. Hai días que se enguedellan nas tripas e fan delas corazón. Entón xa non sabes nin onde tes as pernas, nin se querías mirar o seu sorriso, nin se o que está a caer a cachón polo teu rostro son bágoas ou ríos desbocados. Só sabes que tes ganas de chorar, ás arfadas, sen máis consolo que a túa propia anguria descoñecida.

Porque se alguén preguntase "que tes?", non saberías que responderlle. Tristeza: esa non é unha gran resposta. Pensas entón que o tempo, a maldita primavera que trae abril sen auga, está a remexer os sentidos e soñas con mares que navegar sen Ulises esperando. Rachas co mundo e esfaragullas ese anaco de papel que tiñas entre as mans para ser cuberto de letras, de palabras, de caligrafías a berrar ideas inconexas.

Hai días en que a tristeza fai reino no teu sorriso de nena traizoada e sinto que xa non teño azos que darche para que poidas agarrarte forte a eles. Deito o teu nome no meu colo e soño que milleiros de estrelas virán recordarche que a esperanza é un gran mundo onde habitar desexos.

14/04/10

Que suspiren.

Y a ti como te gustan las mujeres?
Que suspiren.


Coñecina unha tarde de choiva no paseo marítimo. Tiña o cabelo mollado e polo seu nariz escorregaban pingas de auga á espera de chegar á súa boca. Mireina e desexei ser pinga de auga. Sorriu ao oír tal ocorrencia, e suspirou.

Multiplicamos paseos, enredamos desexos, trenzamos futuros. Ameina tanto, tanto, que crin que o peito me ía a rebentar de gozo. Co tempo fomos construíndo aqueles poemas que soñaramos. Tiñamos unha casa luminosa cunhas que xanelas miraban cada mañá o horizonte do mar. Ela regalábame suspiros, xuraba que non había amor máis grande que o noso, arrandeaba as súas palabras xunto aos meus desexos. E a casa foi crecendo. Primeiro naceu Xoel, dous anos despois Bernal. Vina enardecer en cada un destes momentos, para logo musitar que afogaba. O mundo fóiselle facendo cada vez máis pequeno.

Cada tarde ao chegar de traballar víaa encerrada nas súas novelas. Eu acariñaba o seu cabelo e ela suspiraba, pero non como outrora, agora era máis unha queixa do que un suspiro. Reprochábame non saber querela. Preguntaba por aquel mundo que debuxaramos na area. Non souben responderlle. Nunca tiven as respostas que ela quería. Unha nena cambiaría todo. Se tivese unha nena, unha nena que se parecese a ela! e non como os mozos que todo o día estaban a revolver. Conxugando realidade e desexo quedou embarazada dunha nena. Foron nove meses felices de proxectos, de sorrisos, de xogos, de caricias. Renovei o mobiliario á vez que rexuvenecía o meu corazón.

Cando naceu Xandra, suspirou. Escribiríalle o conto máis fermoso que xamais se lera, construiría para ela futuros novos, valorosos, barudos... Pero o tempo foi pasando. Volveu o inverno ás nosas xanelas e os suspiros encadeáronse ás nubes máis grises. Das novelas aos cadernos e de aí ao computador. Construíu o seu refuxio naquel pequeno cuarto que había á beira da cociña. A distancia dos seus bicos e o baleiro das miñas caricias, acabou por convertelo en torreón.

Sei que suspira, cada día, cada noite, acotío. Sei que se sente a muller máis desgraciada do universo por entregar todo o seu amor a un home coma min que non sabe aprecialo. Pero tamén sei que esa é a súa maneira de ser feliz. Tardei en entendela, tardei en saber a transcendencia dos seus suspiros. Non deveñen do amor, senón da reafirmación de que xamais será amada como merece. E quizais teña razón; nunca poderei amala na distancia da súa torre.

Algunhas veces, cando regreso aquí e recordo o noso primeiro encontro, sorrío e lanzo un suspiro. Non sei se de alivio ou dunha estraña serenidade que me deu o chegar a entender que só uns poucos desexan amar sen ser correspondidos e eu, verdadeiramente, non estou entre eles.