Unha voz monótona e distante acompasaba o ritmo dos meus pensamentos. Tiña sono, ou quizais só era o aburrimento cotián ao recoñecerme fóra do meu lugar. A través da fiestra os meus ollos albiscaron un novo ser rebulindo pola carballeira. Era un esquío!, un esquío pequeno e inquedo que non paraba de correr. Observeino moito tempo cun sentimento que navegaba entre a admiración e a envexa. “O meu avó tiña esquíos na casa vella”... e o cheiro da pedra húmida asolagou o meu nariz. Se soubese escribilo, poñería que a miña boca degustou aquela imaxe do mesmo xeito que as primeiras peras do san Xoán.
Hai días en que sinto como un furado no estómago que me sobe pola gorxa e dáme ganas de chorar. Pasa ás veces cando chego a casa e mamá non está. Entón eu fago para que as lágrimas non saian e corro prender a tele. Levo comigo a caixa de galletas porque non sei cociñar, pero deixo algunha para o almorzo do día seguinte, non vaia ser que mamá non chegue para ir á tenda por máis. O outro día pola tarde veu unha muller mirar a casa e se tiñamos comida e falou moito con mamá de cousas serias. Mamá marchou atrás dela, pero por outro camiño, e non volveu ata o martes. Mentres como as galletas de chocolate vanme entrando os debuxos da tele pola boca e polos ollos, e xa non teño ganas de chorar. Agora soño que pinto esquíos e saen do papel brincando ata chegar á carballeira que se ve dende a ventá da miña aula.




12 e eu diría máis...:
un conto no que o presentemento roza, mesto e triste a memoria de casos reais.
nel brincan os esquíos de póla en póla na carballeira fronte á mirada azul do abandono que soa coma un blues
observo que ainda tes aí na barra lateral o último post do blog de antón, que segue co blog pechado (ao ver o enlace pensei que regresara)
desta vez voou o paxariño,
(será coma as aves migratorias que retornará na primavera?
O sistema fala de "atención á diversidade". Boeno, pois nese caso aqueles que en troques de palabras teñen imaxes na mente, haberá que artellar as ferramentas necesarias para ensinarlles a amosalas.
Un mundo de xente que so ten palabras na mente...sería sumamente aburrido. Verdade que algúns temos imaxes de intencións (ou incluso intencinalidades en imaxes)?
O que pasa é que disimulamos moi ben comendo galletas (ou tomando café)...
Bicos imaxinativos
O relato é lindísimo, cheo de ternura, como corresponde a alguén tan cheo de sensibilidade.
O apoio nos institutos non funciona, en absoluto, e o sistema non permite que mellore.
Un blues, Zeltia, xusto o que lle faltaba!!!
Supoño que Antón será Xan, ou?? Hai tempo que ten pechado. O certo é que o boto moito de menos. É un pracer lelo. Un bico de outono
Eles coas súas imaxes conseguen todo aquelo que queren Chousa. O problema é que o sistema (e/ou a sociedade) está empeñado en facernos a todos iguais; odia a diversidade e tende a estigmatizala. Ten el máis sabiduría que moitos dos chamados sabios. Esperemos que as intencións se fagan tan reais coma os esquíos e enchan a boca con recendos de café. Bicos cafeinados.
Grazas Kaplan polos eloxios. Canto ao dos apoios é certo que ás veces non funcionan, pero non sei ata que punto é culpa do sistema ou dos profesionais del. Aínda doen nos meus oídos as palabras dun PT falando de que integrar os rapaces era un atranco, porque total ían ser, queiramos ou non, carne de explotación. Eu soño imaxes dun mundo onde o medio en que naces e a familia non condicionen de maneira tallante o teu futuro. Ollo!!! ben sei que nalgúns centros non é doado artellar todas as medidas e os recursos non son os suficientes. A cada un o seu. Quizais facéndoo visíbel contribúamos un pouco a poñer novos chanzos.
Un saúdo
Un relato fermoso, moi fermoso. Tamén é triste, pero esa sensación queda mitigada por tanta tenrura e sensibilidade que verquiche nel.
Bicos.
Grazas Raposo. Entendo que a fermosura e a tenrura do relato devén da propia historia, certa, tal e como acontece cada día. Os ollos non son os del, mais ben poderían. Hai todo un mundo de sabudiría neles, só falta que nós, a sociedade, deixemos de estigmatizalo e aprendamos con el a poñer palabras ou a ler imaxes.
Beixos
Non deixa de ser triste non encontrar unha forma para que voen os atrancos, de calquera que se elixa, debuxar, cantar, escribir ou chorar. Sempre necesitamos unha forma de expresión, para evitar estar mortos. Apertiñas
Gustoume.
Ogallá un día as imaxes dun esquío sexan igual de importantes ca un libro.
Eu creo que máis triste é Maribel a hipocresía desta sociedade empeñada en darnos a todos o mesmo falando dunha "suposta igualdade". Non asome a diferenza, non a contempla e non a xestiona.
Un biquiño
Grazas paideleo; espero, con toda a forza, que o teu/meu/noso desexo se cumpra.
Chegoume ben fondo este texto. E quedei sen palabras.
Xa me sairán noutro momento.
Un bico.
o apoio nos institutos, no que eu coñezo é cousa de chiste... como cada un non se busque a vida o leva claro.
o relato é moi fermoso, e fala dun caso que ven nos pode ocorrer cerquiña, un fillo, un familitar, o fillo dun amigo o dun veciño... paréceme moi difícil comunicarse coas persoas que son diferente á maioría pero cando se consigue debe ser algo máxico.
peor non só se quedan sin palabras as persoas que teñen algún problema físico o psíquico, as veces as persoas "normais" tamén se quedan sen palabras debido a un fracaso, o a un disgusto, o só porque non queren recoñecer certas cousas...
biquiños,
Enviar um comentário