06/04/11
O grande complexo
Publicado por
xenevra
en
01:47
9
e eu diría máis...
Etiquetas: galego, lingua, reivindicación
01/08/10
lilas en xullo
APRIL is the cruellest month, breeding
Lilacs out of the dead land, mixing
Memory and desire, stirring
Dull roots with spring rain.
Volven os versos do poeta nun mes que non foi abril pero que trouxo ventos desconformes a estas terras do norte. O mes de Sant-Iago converteuse nunha continuación dun partido de fútbol onde os gañadores dunha copa mercenaria medían as súas voces co pobo que berraba xustiza para desenvolver os seus dereitos, a súa historia, a súa lingua, o seu Estatut. Comparaban euros con sentimentos.
Un goberno traidor aproba un decreto, que arrinca a nosa lingua das escolas, envolveito en propaganda institucional; esta que clama por instaurar como "lingua propia" aquela que nos é allea. Volvemos ás épocas borbónicas das mans dos seus fillos, para renacer aquel Decreto de Nueva Planta do 1816, que establecía o castelán como lingua obrigatoria do ensino no novo reino. E digo novo, porque é tamén neste momento, cando se establece a división actual en provincias e eliminan os antigos reinos que pasan a ser "rexións". Nada queda, oficialmente, deste reino de Galiza (primeiro de Europa tras o pacto suevo-romano no séc V) que se estendeu dende Cantabria ata máis aló de Coimbra. A historia deturpará os feitos acaecidos e os nomes de don García, de dona Urraca, de Pedro I, de dona Xoana (chamada despectivamente a "Beltranexa"), de Pedro Madruga ou de Pardo de Cela vivirán só na voz do pobo, formando parte da súa literatura.
500 anos despois temos os descendentes daqueles Borbóns hospedados, como non podía ser doutro xeito, no hostal dos Reis Católicos (eses reis que, en palabras do seu cronista Jerónimo Zurita, iniciaron a "doma e castración de Galicia"). Enchemos entón páxinas dos xornais, horas nas televisións, para aplaudir as súas verbas de "unidade" comparándonos cun xogador de fútbol que cobra miles de euros a cambio do seu servizo. Galiza non se vende. Outra vez encheremos as rúas de Compostela esixindo o que nos corresponde por nacencia, por historia, por herdanza. A lingua dos nosos pais, dos nosos avós, non rexistiu 600 anos en van.
Pero eu só quería falar dese xullo que semellou o abril de Elliot.
Das follas removidas polo vento baixo a choiva, das lilas pintadas de vermello polo roibo da tarde...

__________________
(1)Vencido polo seu irmán Henrique de Trastámara e que supón a primeira substitución da nobreza propia por outra foránea.
Publicado por
xenevra
en
15:42
10
e eu diría máis...
Etiquetas: lingua, reivindicación
26/05/10
Hoxe aprobouse o decreto...
O proxecto da Consellería de Educación dificultará a adquisición da competencia lingüística en galego por parte do alumnado

Este novo regulamento acentúa o desequilibrio entre as linguas oficiais, propicia a inmersión en castelán en infantil e non garante que o alumnado acade a competencia en lingua galega ao rematar o ensino obrigatorio, tal e como procura a lexislación educativa en materia lingüística.
Non é certo que exista equilibrio entre galego e castelán, idea coa que o goberno pretende vender o novo texto lexislativo. O galego, lingua propia de Galicia e necesitada de protección, queda nunha situación moi inferior ao castelán no ensino. As razóns son varias, destacando tres principais:
- en realidade hai máis materias marcadas como obrigatorias en castelán ca en galego. Por exemplo, en 3º da ESO falamos de 8 horas semanais de materias que se deben impartir obrigatoriamente en castelán: Matemáticas (4h), Física e Química (2h) e Tecnoloxías (2h); fronte ás 5 horas en galego: Ciencias Sociais, Xeografía e Historia (3h) e Bioloxía e Xeoloxía (2h). No resto das materias, é imposible chegar ao 50% do ensino en lingua galega porque non existen materiais de todo tipo editados nesta lingua para poder traballar nas aulas, escenario que se reproduce en todas as etapas educativas.
- a consulta ás familias, que agora se publicita como “pregunta vinculante”, en Infantil propiciará a inmersión en castelán pois, como sinalan os últimos estudos, o galego xa non é a lingua maioritaria nas franxas de idade máis novas. O novo decreto non contempla ningún tipo de medidas tendentes a sentar as bases da adquisición da lingua non predominante na aula.
- a Consellería de Educación muda o dos actuales Equipos de Normalización Lingüística por Equipos de dinamización, como se xa non fose preciso "normalizar" unha lingua coma o galego nos centros escolares, lingua que 27 anos despois de aprobada a Lei de Normalización Lingüística está moi lonxe de acadar unha situación normal na nosa sociedade.
Publicado por
xenevra
en
19:59
7
e eu diría máis...
Etiquetas: lingua, reivindicación
20/05/10
Fagamos un pacto
Mentres o autobús percorría as rúas da miña cidade, eu matinaba no que lle diría ao meu xefe, como llo diría, a súa cara de satisfación ao oírme, incluso, as nosas mans estreitándose. Así pois, cando cheguei á oficina non houbo ápice de vacilación. fun ao seu despacho, sorrín aberta e grandemente e díxenlle "Veño propoñerlle un pacto". Que fresco que entra o aire nos nosos pulmóns cando facemos o debido. Non me deixei amilanar polo interrogante que se debuxaba na súa cara e seguín: "como mostra do meu talante dialogante e conciliador, decidín propoñerlle un pacto. Se
lle parece ben, eu chegarei todos os días ás 9:30 en punto e permanecerei no meu posto de traballo ata as 14:00, volvendo ás 17:00 ata as 21:30". Novamente a miña expresión de orgullo petou coa súa cara de asombro. Pasaron uns segundos ata que el, contundentemente respondeu:- Non pretendo faltarche ao respeto, pero... pódese saber a que vén esta parvada?
Foi o meu sorriso o que se conxelou esta vez e un enorme interrogante colocouse sobre a miña cabeza. Estaba claro, ou?
- Esa xa é a túa obriga. Ou cumpres cos teus horarios laborais ou despídote. Así de fácil e sinxelo. Nin pacto nin farrapos de gaita!! E agora mesmo ponte a traballar e quita ese sorriso babioco da túa boca.
Os seus berros de enfado só conseguiron desconcertarme máis. Non podía entendelo. A miña proposta era xenial, ou polo menos así o cría eu. De todos os xeitos non ía deixar que esta pequena contrariedade me amargase o día. Xa buscaría outra persoa máis tolerante para establecer un pacto. O mundo non podía estar cheo de individuos obtusos incapaces de comprender as grandes vanataxes de chegar a acordos.
Decidín entón proporlle un pacto ao empregado de Facenda que me ía facer a declaración deste ano. Eu facilitaría amabelmente as contías percibidas e a cambio el... Non quixo oír máis. Algo rosmou sobre a présa e a xente que non ten nada que facer, e de malos modos guindou o borrador na mesa. Isto non abondou para esmagar os meus ánimos. Tenteino co cobrador no autobús, coa dependenta do supermercado e incluso co meu veciño do 1º. Era un home razonábel e moi educado, sempre me aguantaba a porta cando eu ía entrar. El había aceptar a miña xenerosa proposta. Meu dito, meu feito! Chamei na súa porta e expliqueille con todo luxo de detalles a miña oferta; eu non botaría o lixo á súa terraza e el podería seguir a termar da porta cando me vise achegarme. Novamente a miña expresión de satisfación atopouse cun rostro que non era o esperado. O mesmo proceso de cambio nas caras, as mesmas insinuacións á miña primitiva intelixencia, e engadiu algunha referencia á miña familia. Pechou a porta cun golpe e fiquei só e desconcertado neste lado frío e escuro das escaleiras.
Non podía entendelo. Esta mesma mañá lérao no xornal Feijóo comprométese ante a RAG "cun gran pacto pola lingua". Que era o que eu estaba a facer mal? Acaso as miñas propostas eran menos evidentes que as del? Algo estaba fallando en todo isto. Antes de ir para cama, decidín botar unha ollada a todo isto e facer unha análise máis fonda. Non podía ser que o del fose unha idea brillante e o meu só parvadas dun enleador.
Publicado por
xenevra
en
00:28
15
e eu diría máis...
Etiquetas: lingua, reivindicación
17/05/10
Dende o Caurel...

As fotos son de setesoles (coma sempre), que me aforra ir eu cargando coa cámara. A que posa, sen sabelo, unha menda ao lado do seu irmán e da súa cuñada ;)
Publicado por
xenevra
en
19:23
10
e eu diría máis...
Etiquetas: lingua, reivindicación
04/05/10
Vida miña!
Iso dixo a lingua coa voz das xentes que se xuntan para cantala ou para facer dela a forza do seu amor.
E alí descubrín a Emilio Rúa:
Publicado por
xenevra
en
23:14
11
e eu diría máis...
25/04/10
25 de abril
Uma história deturpada, incerta, fisgada, foi a que eu tive de estudar para ter um título académico reconhecido. Hoje, 25 de abril, sinto os cantos da terra irmã e sei que temos futuro quando leio no Xornal que muitas das crianças da Argentina estudam como língua estrangeira o português, e não inglês. A questão numérica deixa de ter valor neste momento nas argumentações de quem quer fazer morrer o nosso idioma em aras dum futuro que se escreverá nos livros de história do século XXI.
Publicado por
xenevra
en
20:02
6
e eu diría máis...
22/04/10
Galego: a forza do noso amor
E depende de nós que isto siga a ser así. Se transmitimos o noso orgullo, o noso amor, eles atraparano; pero ten quen ser con forza, con raiba, con paixón (xa o dixo Chousa no comentario da entrada anterior), sen covardía. Os amores ciméntanse na paixón e precisan dela. Ninguén queriamos amar sen ser amados, non? Pois o mesmo lle acontece á lingua. Ela dános todo: os xeitos, os xestos, os sentimentos desvocados, as paixóns contidas, os olas, os ata logo, o quero verte, a ilusión, a palabra case exacta no momento preciso... Porque sen nós non é nada, esmorece, desaparece, como os sorrisos do noso rostro cando o vemos marchar e sabemos que nunca máis volverá dicir: "ámote".
Publicado por
xenevra
en
21:33
5
e eu diría máis...
Etiquetas: lingua
07/04/10
Hoxe concentración en Compostela
Queremos Galego convoca concentración de urxencia contra o decretazo este mércores 7 de abril
Este mércores 7 de abril ás 16.15 diante da sede do Consello Escolar de Galiza (Rúa San Roque, 2), en Santiago de Compostela Coincidindo coa reunión do máximo órgano consultivo da comunidade educativa, na que se debaterá o proxecto do goberno |
O que máis me doe é que non sei se poderei estar alí. Acabo as aulas ás 14:30 e teño un curso en Lugo ás 18:30. realmente vou pillada de tempo. A ver s epodo artellar algo para estar alí.
Se algún de vós está, non esquezades contarmo (aínda que rabuñe o chan cos dentes pola envexa que me dará o terdes acudido)
saúde e terra
Publicado por
xenevra
en
12:43
5
e eu diría máis...
Etiquetas: decretazo, lingua, reivindicación
06/02/10
aquí está, aquí se ve...
Setesoles xa nos deixou onte pola tarde a súa reportaxe en O Barco de Valdeorras... (aquí está)
E xa temos noticia de Melide, con emoción (aquí)
Súmase a Coruña coas palabras de zeltia (aquí) e as imaxes que nos trouxo (aquí), onde se pode ver, pelín agochada, a vintxuca.
De Chantada traio algún foto (non moi boa, pero por falta de luz hehehe), e moito ánimo de toda a xente encontrada alí, máis de 50 persoas, e folgos mozos que veñen turrando forte.
(ben, eu estaba ao das fotos)
escoitan atentamente as intervencións dos asistentes.
Un fluido e interesante intercambio de ideas.
-----------------------------------
Engado o enlace a un artigo do Xornal que nos recomendó Zeltia
Se vos parece adecuado, engadimos / engado os enlaces, ao igual que fixen co de setesoles para xuntarmos todas as reportaxes que poidamos.
Publicado por
xenevra
en
11:00
19
e eu diría máis...
Etiquetas: lingua, reivindicación
02/02/10
55 mentiras sobre a lingua galega
Tiven a sorte de poder botarlle xa un ollo, case diría que os dous e as mans. Resultoume apaixonante, non polo entretido, senón polo claro e contundente que é. Moitos dos tópicos, moitas das verdades que aquí se din xa as coñecía (que levamos anos acudindo ao decreto de Buena Planta ou ás octavillas onde se nos impele a falar en perfecto castellano), pero o que máis me conmoveu, o que vapuleou a miña alma por completo e fixo renacer a miña indignación, foron esas verdades que se nos ocultaron e que chegamos a asumir de tal xeito que nunca fomos quen de cuestionar.Abraiada quedei cando descubrín que hai un decreto que prohibe a etiquetaxe dos medicamentos e redacción dos prospectos dos noutro idioma que non sexa o castellano (prohibe expresamente o uso dos "dialectos"); pero non foi o asombro de coñecer esta lei o que me levou ao abraio, senón a miña sumisión á mesma. Nos meus moitísimos anos de vida en que fixen montóns de reivindicacións para poder vivir en galego, nunca (e digo NUNCA) se me ocurrira que eu non tiña o dereito a poder ler os prospectos dos medicamentos no meu idioma. Nunca se me ocurrira que isto é un dereito que me foi negado. E dóeme ter chegado ata ese grao de alienación.
Ben, que vos recomendo que botedes unha ollada ao libro (8€ para os que non sodes de prolingua, 5€ para os socios) e que acudades, se podedes porque paga a pena, á presentación do mesmo; feito salientábel a súa presentación simultánea (non vai ser só Harri potter quen o faga ;)) e agradecer o entusiasmo e o labor feito por todos os que conforman PROLINGUA. Grazas por estardes, grazas por serdes.
A ver se logo temos moitas fotos para compratir de todos os que vaiamos. Sería chulo ver como se desenvolveu en cada localidade. Eu xa me pedín Chantada (hehehe)
Postpostscriptum, isto é, volvo editar a petición do Chousa (hehehehe). Tedes os lugares e os ponentes no enlace anterior de prolingua. A hora é as 20:30 e o día o venres 5, para todos ;)
A reportaxe fotográfica de melide traeráa o noso querido e nunca ben aprezado, Chousa
Publicado por
xenevra
en
21:53
21
e eu diría máis...
Etiquetas: lingua, reivindicación
21/01/10
Manifestación a prol do galego
Porque queremos galego nas rúas, nas escolas, nos nosos días
fomos a Compostela a berralo.
Chegada (ou intento de chegada a Alameda)
tras facernos cun oco, avanzamos cara á praza de Galicia
e fomos chegando mentres outros, xa na zona vella, tiñan a praza máis perto
e xa no Obradoiro, manter posicións
Subín algunha foto máis no flickr, pero o certo é que non conseguín moito. Mañá, máis descansada, contareivos algo máis de como teño o corazón e a voz.
Un bico a todas e todos, con lingua
Publicado por
xenevra
en
23:53
12
e eu diría máis...
Etiquetas: decretazo, lingua, reivindicación
20/01/10
Mentiras
Séguese dicindo que falar diferentes linguas é un castigo, que iso leva ao desentendemento, ao desencontro, que non é útil, que non é económico... E digo eu:
- se fose certo que falar o mesmo idioma leva ao entendemento, non terían que estar a se entender goberno e oposición no estado español?
- se fose unha cuestión de utilidade manter o patrimonio cultural, non habería que demoler a Catedral de Compostela, o acueducto de Segovia ou a Alhambra? (Sería un terreo espléndido para a especulación urbanística, que tantos beneficios económicos deu.
Engánannos con mitos creados no pasado para sustentar o seu poder na nosa ignorancia. Fálannos dunha lingua universal, única, que poderiamos entender todos con só estudalo un pouco: o inglés. Nin é fácil para os falantes de linguas románicas, nin explican cal é a variante do inglés que deberiamos estudar para ser entendidos, e á vez comprendidos, por todos os falantes do universo (é universal, non?:)) Non se pode "ir a ningures" sen saber inglés e por iso o goberno actual da Xunta decidiu facer do inglés a lingua vehicular no ensino desde a primaria. Seica o presidente Feijo (Mr Big Bean, será agora) sabe falar inglés? Quizais algún dos presidentes do Estado falaba inglés? Xa... pero nós "non podemos chegar a nada sen saber inglés" (debemos ser dunha etnia inferior, menos capacitada)
En fin, tempos veredes!!!
____________________
post scriptum: a foto está tirada dun blog que leva Babel no seu nome. Accededes a el ao premer sobre a imaxe.
Publicado por
xenevra
en
22:34
7
e eu diría máis...
Etiquetas: lingua, reivindicación
19/01/10
ALEGACIÓNS CONTRA O DECRETAZO DO GALEGO
En relación coas Bases para a elaboración do decreto de plurilingüísmo presentado publicamente a noite do 30 de decembro de 2009, presenta as seguintes
ALEGACIÓNS
O borrador de decreto presentando na noite do 30 decembro:
1) Non garante que os estudantes finalicen cada etapa educativa coas destrezas lingüísticas tamén en galego.- Todos os informes oficiais sinalan que hai un problema para conseguir que boa parte dos rapaces e das rapazas, sobre todo nas zonas urbanas, teñan fluidez comunicativa en galego. Diminuír a presenza da nosa lingua non fará máis que agravar a situación, vulnerando o dereito do alumnado a unha educación de calidade e pondo en perigo a pervivencia da nosa cultura.
2) É unha proposta feita de costas á sociedade galega.- O presidente da Xunta sabe que non conta con ningún consenso do profesorado, o estudantado, as familias e da sociedade en xeral para este decretazo. Por iso o presentou na véspera de fin de ano, a última hora do serán, e sen que existise ningún proceso previo de diálogo nin contraste.
3) Suporá enfrontamentos nos centros.- A Xunta fai deixadez das súas funcións e traslada o problema ao profesorado, ao estudantado e ás familias, que serán parcialmente consultadas (ben tendo en conta só o criterio da maioría, sen que se saiba que pasará coa minoría que se sinta perdedora; ben dando unha opinión cada catro anos, o que significa que uns pais darán a súa consideración sobre a educación das fillas e dos fillos doutros). A política lingüística e educativa non se pode limitar á opinión que poida ter a comunidade escolar, porque nos corresponde a todas as galegas e a todos os galegos. Hai que ter presentes criterios pedagóxicos e o dereito a unha educación en igualdade.
4) É unha burla á cidadanía cando di que se vai impartir un terzo das materias en inglés, cando sabe que iso é totalmente inviábel, e sen se preocupar do fracaso escolar.- O presidente da Xunta mente conscientemente cando fala de “plurilingüismo”, pois sabe que iso é imposíbel de aplicar. Só utiliza o inglés para camuflar propagandisticamente o ataque contra o galego. Na verdade, os departamento de inglés non teñen un reforzo real para mellorar a aprendizaxe desta lingua e mesmo se recortan os recursos para a formación do profesorado e se reduce o número de profesores/as das escolas oficiais de idiomas. O reforzo e mellora do ensino de inglés no sistema educativo galego debe facerse con máis profesorado específico, con máis recursos e con grupos máis reducidos
5) Vulnera leis básicas aprobadas por consenso e tratados internacionais de dereitos lingüísticos.- O decreto que o Goberno galego quere impor unilateralmente vulnera a letra e o espírito da Lei de normalización lingüística (arts. 12 e 13), así como da Carta europea de linguas rexionais ou minoritarias (art. 8). Un goberno serio, cívico e responsábel cumpre as leis e os tratados internacionais de dereitos humanos e de dereitos lingüísticos.
6) Porque é unha agresión á dignidade da nosa cultura que haxa un goberno da Xunta que ande ás patadas coa lingua propia do noso país.- Temos que erguer a nosa voz con claridade e exclamar que, independentemente do idioma que falemos no noso día a día, os galegos e as galegas amamos a nosa lingua propia e queremos que non haxa políticas para discriminala, senón ao contrario: que se promova nos diferentes ámbitos, garantindo a igualdade de dereitos.
Fronte á imposición unilateral de Alberto Núñez Feijóo, reclamo que se escoite a voz das comunidades educativas. O presidente da Xunta debería lembrar que o decreto aínda en vigor contou co respaldo dos sindicatos que representan ao 90% do profesorado, a inmensa maioría das ANPAs, todas as organizacións estudantís e todos os movementos de renovación pedagóxica con actuación en Galiza. O seu decreto contra o galego, ao contrario, non xera máis que rexeitamento e preocupación.
Por todo isto
SOLICITA
A aplicación real e efectiva do decreto 124/2007 e do Plan Xeral de Normalización Lingüística aprobado por consenso e unanimidade polo Parlamento Galego.
Asdo:
Don/ Dona
En ……………………….a.. de xaneiro de 2010

O obxectivo destas alegacións é mostrarmos directamente á consellaría de educación a oposición da maioría da sociedade galega a este decretazo.
Reenvíao a@s túas amigas e amigos
ENTRE TODAS E TODOS
PARAREMOS ESTE DECRETAZO.
Publicado por
xenevra
en
20:07
3
e eu diría máis...
Etiquetas: lingua, reivindicación
10/01/10
lingua

como aliviarmos os ollos
desta paisaxe atroz
que nos manca?
como cuspirmos as lascas da dor
cando o que sangramos
é espanto?
como naufragarmos futuro?
Rafa Villar
queremos galego
Publicado por
xenevra
en
00:10
11
e eu diría máis...
Etiquetas: galego, lingua, reivindicación
30/12/09
Desexo
Que o 2010 traia mil primaveras máis para a nosa lingua
que rematen as aldraxes vergonzantes
que a terra lle dea a cada un o que merece
__________________________
aproveito a tarxeta dos EN de ferrolterra e agradezo o seu labor e o de tantos outros por defender o que é noso.
Publicado por
xenevra
en
16:35
11
e eu diría máis...





