03/05/11

hoxe non quería falar

...
Mais eu hoxe non quería falarvos
da orgullosa, vermella e triste bandeira
...

Manuel Rivas


Levo todo o día con estes versos na cabeza. Será porque sei do que non quero falar, mais teimosamente volta unha e outra vez á cabeza. Eu hoxe non quería falar da maldade recén descuberta, das persoas ferro que cravan punzóns de odio nos ventres dos fillos, das palabras veleno que feren cruentamente e non matan. Non quería falar desas mans que afogan os caraveis de abril. Non quería falar.

Pero necesito escupilo, sacalo de dentro, porque me doe. Dóeme ela, o seu sorriso apagado, o seu traballo vilipendiado pola envexa de xentes ruíns. Dóeme o que non entendo, o que non ten explicación racional, o que deriva da esencia da miseria. E outra vez dóeme o seu rostro triste, esmorecido no cansancio, esnaquizado polos golpes dos tecnócratas.

E se todo isto fose literatura, non me percorrería o estómago esta náusea irredenta. Pensaría que non se debe escribir de feitos dolorosos cando hai tanta beleza ao noso redor. Lamento, pois, que esta vez a realidade noxenta teclee estas verbas que non van servir máis que coma exorcismo. Porque a declaración de amor non cura as feridas.

Póñenlle nomes estranxeiros (mobbing) para que parezan menos feroces. Que ironía! As linguas viperinas agóchanse en peles de años. Mais a súa apariencia de directivo honrado, maqueado con vernices tóxicos, non fará nunca que dubidemos de quen é a xente de ben nesta terra. Ti es, miña sorrinte P, das eternas, das que sobreviven nos naufraxios, das que saben que a vida xermola beleza fóra deses catro nefastos muros contaminados. Quérote, egoistamente, por iso.


(P. leva anos sufrindo acoso laboral. Ese acoso que non deixa marcas na pel, pero que vai minando pouco a pouco. Malia iso, o seu sorriso brilla; aínda que pareza que está no fondo.)

11 e eu diría máis...:

Xan disse...

Pérdense dereitos, medran os abusos. O Sistema capitalista redúcenos a meros produtores e consumidores, a ser seres dependentes dos caprichos dos donos dos medios de produción e dos seús "negreiros",a instauración da lei da pernada medieval, pero con métodos máis refinados. A tortura física con utensilios de terror transfórmase en tortura psicolóxica; son menos visibles as súas causas pero máis profundas as súas pegadas e máis difícil a denuncia. Os torturadores sorrín móstranse amables e gozan coa dor allea. Iso e a nosa indiferenza cara aos nosos semellantes son campo abonado para a impunidade do torturador sonrinte.
A miña solidaridade

Raposo disse...

Hai veces que compre falar destas cousas, alto e claro, poñer os puntos sobre as íes, destapar a eses miserables lobos disfrazados de cordeiros.
O problema é grave, quizais non se denuncie tanto como se debera e ademáis e moi díficil de probar. Entre todos temos que tratar de erradicalo.
Apertas solidarias.

Paz Zeltia disse...

O acoso laboral é difícil de probar. Quen se non o pasou non tivo algún compañeiro que si? Ás veces é tan evidente que o traballador pode contar coa simpatías dos compañeiros, desafogarse. Pero hai outros acosos, tan sutís, tan lentos, que van minando como gotas na pedra, amargando a vida do traballador ou traballadora dia tras dia, dia tras día, facendo que non sexa capaz de disfrutar da vida e enchendo de angustia o despertar de cada mañá.
Pero que pouco se pode facer! non hai probas, non hai testemuñas... só che queda irte voluntariamente, pasar a engrosar as listas do paro... e sin cobrar.
Moi triste ese tema que tratas.

a miña solidaridade coa persoa que tí apoias coa túa denuncia.

Concha L. F. disse...

E non sei que dicir diante disto, pois esa realidade sempre me deixou paralizada.
Como é posible que existan seres que sobreviven a costa de fundir a outros seres semellantes?

Unha entrada sentida. Tocoume a miña fibra máis feble, a da inxustiza.

Un saúdo.

Chousa da Alcandra disse...

Se un día son P., e teño forzas para pedir avogada defensora (ou amiga que fale por min) quérote a ti. Dito queda.

xenevra disse...

Sénteste ferida polos torturadores e, como ti ben dis Xan, senteste ferida polo silencio dos iguais; eses que miran cara outro lado tentado xustificar esas actitudes no medo de ser eles os próximos.
Seguimos nos tempos das escravas, disfrazado de capitalismo liberal. Agarrámonos á túa solidariedade. Un bico.

sabes Raposo? é unha situación longa que se vén repetindo durante os últimos 3-4 anos. En cada novo golpe, cando a raiba máis te conquista, pensas en denuncialo, imaxinas a súa cara cando unha sentenza lle faga ver a realidade dos seus actos (se é que non a ve). Mais cando o pensas en frío, sabes que dependes do testemuño doutras persoas, esas que traballan ao teu carón e miran cara fóra e fan que non se enteiran sempre e cando non lles salpique. Entón é canto te aferras a conseguir probas tanxíbeis, que non deixen dúbidas... E volves ao traballo coa esperanza de que nada peor pode pasar. Pero só é unha esperanza, pois como moi ben di Zeltia pouco se pode facer que sexa efectivo.
Veñen ben as apertas, grazas aos dous.

Tendo a crer, Concha, que non hai xente mala; que todos temos dúas caras e ofrecemos unha ou outra ou mírannos unha ou a outra. Mais neste caso levo tempo tentando ver cal é a outra cara, e non a atopo. Agora que ela non pode ir ao traballo porque apenas ten forzas para saír da casa, o brazo castigador segue estendo os seus tentáculos e aproveita a súa ausencia para aumentar as difamacións. Non o entendo. Non sei o que pode pasar pola cabeza destes seres. Supoño que tiveron unha infancia moi traumática que os levou a perder os seus sentimentos cara as outras persoas.
Unha aperta.

Mais eu non quero ser a túa avogada defensora Chousa, porque non te quero ver XAMAIS nesta situación, nin parecida. Amiga, si; aínda que no da palabra creo que as tes ti mellores ;)
Un bico amigábel e amistoso

Son Unha Xoaniña disse...

A miña solidariedade para tod@s as "P",
"o home é o lobo do Home"
Saúdos

Anónimo disse...

Como mensagem de ánimo quero deixar umha das verbas que um dos mártires de Chicago dijo antes de ser aforcado "Chegara um tempo em que o silenço será mais poderosso que todas as vozes que vôces silenziam hoje"

Maribel-bel disse...

Egoistamente gústame que fales, penses, escribas e nos des oportunidad de lerte. Con isto aprendemos a non calar e quizais a denunciar os abusos, temos que ir prantando cara. Un saúdo

matrioska_verde disse...

Hai que falar do que sae do corazón, si é alegre, estupendo, pero si é triste, é necesario. Non se pode obviar a realidade, non se poden facer oídos sordos ós berros da xente que nos arrodea, aínda que sexan berros calados.
¿Por qué existirá esa xente que se cré con dereitos sobre os demais? ¡Cabróns! E toda a miña solidaridade con P.
Biquiños.

xenevra disse...

Moitas grazas Xoaniña; polas palabras e pola visita ;)

Mais como é que doe este silenço não desejado. Obrigada pelas palavras, Jorge

Porque a voz é unha das poucas "armas" que nos queda. Sen necesidade de mortos nin de guerras sanguentas. Só co desexo de que as verbas medren mareas que fagan afundir as malicies nos abismos.
Grazas Maribel. Un beixiño

Hai xente miserábel que só saben existir no sufrimento dos demais. Vingan as súas miserias contra os sorrisos das persoas de ben.
Un bico Aldabra