31/12/11

Un inciso

Maldita madalena!!
Parece que nestas épocas sempre anda todo un pouco revolto. Creo que isto é debido, na súa maior parte, a esta idea de estarmos felices e sermos "bos" que nos venden dende pequenos. Mais xa a experiencia de cada ano nos leva a constatar que estas datas son propensas para os desencontros, para as tristezas, para as frustracións. Como consegue unha estar á altura da alegría de todos os anuncios da tv?

O certo é que eu, coma sempre, comecei cunha ilusión desbordante; anunciando aos catro ventos (e aos dous furacáns que me acompañan dende nena) a miña ilusión pola chegada do nadal. Non polo seu significado relixioso, que pouco ou nada me di, senón polos reencontros coa familia, os agasallos, os vestidos novos... Mais non hai dúbida que da ilusión deriva a xente ilusa. Xa anunciaron novos recortes no meu soldo acompañados de máis horas de traballo; augúrase a desaparición pública da miña lingua en beneficio dunha case imposíbel de pronunciar (e é que len moi raro); a familia encontrouse e, como en cada cea masiva, apareceron os desencontros (malia ter coidado de non falar de política, nin de relixión, nin moito menos de sexo). E por se todo isto fose pouco, chamáchesme para que oíse como afirmabas que xa non me queres (son tan volúbeis os sentimentos!!). 

Aínda así segue a facerme ilusión ver as rúas engalanadas, espallar risos polo salón mentres escollemos o vestiario das pequenas, comprar ás carreiras os agasallos e agochalos ata a noite de reis e gozar das vacacións tan merecidas e ansiadas. Durmo moitas máis horas, leo moitísimas máis e, sobre todo, pénsome dunha forma moito máis amábel... malia o teu adeus, a redución do salario, o aumento do traballo mal pagado. Sei que fóra todo vai mal, pero aférrome na idea de que o 2012 nos traerá grandes realidades desprendidas dos nosos propios soños.

 Moitísima felicidade para todas e todos os que por aquí pasades.
Un beixo de cava para cada un!!!



6 e eu diría máis...:

Chousa da Alcandra disse...

Veño recoller ese bico con burbulliñas e, de paso, xuntarme a ti no propósito de que -por moito que o intenten- non logren borrarnos o sorriso durante o ano bisiesto, par e con mala pinta.

Outro bico dende a Chousa!

Anónimo disse...

Que teña un feliz ano!

Raposo disse...

Desfruta das festas e que teñas un bo ano, a pesares dos recortes.
Bicos!!

xenevra disse...

Moitas grazas aos tres. Espero que a ano vire en luminoso e os ventos nos leven suavemente por esta singradura ata a terra das realidades soñadas.

Paz Zeltia disse...

Supoño que sí, que todo será cousa dos soños.
De ser persoas ilusas que dis ti ;-)
Eu quero ilusionarme, ou tal vez non, igual non o quero o suficientemente forte, porque poucas veces o consigo. E non seii por que non, porque son unha ilusa.

:-)

Que conserves esa ilusión, a pesares de que che digan que xa non te queren. Como diría un optimista del tres al cuarto, peor fora que non te quixera nunca!

Bicos e feliz aninovo!

matrioska_verde disse...

Zeltia é a caña, ¿verdade?, gustoume o que che dí.

non sei, con todos esas cousas que che aconteceron a verdade e que me pareces unha heroína porque eu, despois de que un amor me decía adeus quedábame feita polvo unha boa temporada... así que alabo o teu optimismo e as túas ganas de vivir a vida sin complicarte con persoas que non che merecen... porque esas cousas non se dín por teléfono.

biquiños, e moita moita sorte no ano novo, e sempre, claro.