O novo decreto marca unha asignación horaria inferior para o galego e desprotéxeo especialmente na etapa de infantil.
O proxecto da Consellería de Educación dificultará a adquisición da competencia lingüística en galego por parte do alumnado

Este novo regulamento acentúa o desequilibrio entre as linguas oficiais, propicia a inmersión en castelán en infantil e non garante que o alumnado acade a competencia en lingua galega ao rematar o ensino obrigatorio, tal e como procura a lexislación educativa en materia lingüística.
Non é certo que exista equilibrio entre galego e castelán, idea coa que o goberno pretende vender o novo texto lexislativo. O galego, lingua propia de Galicia e necesitada de protección, queda nunha situación moi inferior ao castelán no ensino. As razóns son varias, destacando tres principais:
- en realidade hai máis materias marcadas como obrigatorias en castelán ca en galego. Por exemplo, en 3º da ESO falamos de 8 horas semanais de materias que se deben impartir obrigatoriamente en castelán: Matemáticas (4h), Física e Química (2h) e Tecnoloxías (2h); fronte ás 5 horas en galego: Ciencias Sociais, Xeografía e Historia (3h) e Bioloxía e Xeoloxía (2h). No resto das materias, é imposible chegar ao 50% do ensino en lingua galega porque non existen materiais de todo tipo editados nesta lingua para poder traballar nas aulas, escenario que se reproduce en todas as etapas educativas.
- a consulta ás familias, que agora se publicita como “pregunta vinculante”, en Infantil propiciará a inmersión en castelán pois, como sinalan os últimos estudos, o galego xa non é a lingua maioritaria nas franxas de idade máis novas. O novo decreto non contempla ningún tipo de medidas tendentes a sentar as bases da adquisición da lingua non predominante na aula.
- a Consellería de Educación muda o dos actuales Equipos de Normalización Lingüística por Equipos de dinamización, como se xa non fose preciso "normalizar" unha lingua coma o galego nos centros escolares, lingua que 27 anos despois de aprobada a Lei de Normalización Lingüística está moi lonxe de acadar unha situación normal na nosa sociedade.
A forza do noso amor non pode ser inútil. Non calaremos; nunca máis.




7 e eu diría máis...:
Está ben montado o vídeo. Canta xentiña!, máis xa ves, as modificacións no Decreto foron mínimas.
Ainda haberá que falar máis, e máis alto, e máis xente...
Desanima un pouco, eh, ou será que xa non teño eu o ánimo alto, pero hoxe cunha compañía de teléfonos, para cambiar unha tarifa, pasáronme con CINCO persoas, cinco veces que tiven que dicir ¿pódeme atender alguén en galego?; ata me dixo alguén que estaba á beira miña:
"Tienes buenas ganas, mujer, vaya capricho cogiste"
Ainda por riba da mala atención, son eu que "me encapricho" en falar na miña lingua!
Hoxe estou descorazoada. (A miña afillada non quere que lle fale en galego "que xa lle chega con estudalo", non sei, non sei...
Sabes que? Non dou a batalla por perdida, pois non vou cambiar a estas alturas da miña vida. E se perdo esta batalla, sei que queda moita guerra por diante, así que...
O tempo pon cada cousa no lugar que lle corresponde. Ou iso creo.
Bicos varios. Con lingua galega.
Hai que seguir dándolle e empurrando: contra o decreto, e apesar do decreto
A sinrazón da forza non vai doblar a forza da razón.
Obviamente xa houbo quen dixo iso antes ca min; pero así o vexo, penso, sinto e desexo. Atoparannos no medio e medio do suco cando queiran sementar!
Tras as nubes sempre vén o sol Zeltia; e esta vez ha de vir a cachón, porque os nubarróns son moitos. Mais non teñen nen a forza nen a consistencia abonda para acabar coas xentes de ben.
E os tempos son chegados nena do paraugas. Quizais espertaron o dragón que durmía nas terras celtas. É o tempo de espertar!!
E por riba do decreto están as nosas voces, as nosas vontades kaplan
No medio e medio de todos e cada un. Sementando futuros de noso, sementando na historia, sementando na terra que agroma froitos alentadores Chousa
Non imos parar. Sigo teimando nos aspectos positivos do asunto. Sen este ataque frontal e vergoñento cecáis non teriamos sido quen de decatarnos da situación real, de ver a toda esa xente nova apartarse da súa lingua. Ollo. OUtros pasamos por iso antes e aquí estamos agora, defendéndonos. Non sei o que lle toca ás xeracións anteriores. Nós temos un papel claro. Defendérmonos coma lobos. Resistir. Espallar. Afortalar. Sementar. E xa virá quen recolla.
Iso sí: nin un paso atrás anque chovan chuzos.
Nin un paso atrás!!! Aínda que chove, o galego non encolle Bicos dende o corazón Xocas
Enviar um comentário