06/04/11

O grande complexo

Veño de ler na páxina de Prolingua a carta que Xabi Cordal escribiu aos de Marineda (eses que van encher de soños mercantís A Coruña). Non é novo o desprezo pola nosa lingua por parte das empresas que se instalan na nosa terra, pero o feito de non ser este un caso illado non o fai menos visíbel.
Estamos demasiado afeitos/afeitas a que non apareza a rotulación en galego, ou a que os dependentes dos comercios traduzan cada unha das nosas palabras, ou a que os grandes supermecados empreguen só a lingua propia en anuncios que nos definen como GALEGOS (malo será), mais que logo non empregan o idioma nin na cartelería nin no trato cos clientes. Asumímolo, somos así.

Hai uns días falabamos do caso dunha moza galega que, nun programa da tv, alardeaba de non dar palabra na lingua dos seus avós. Seica dá baixón e non serve para ligar. Ao mesmo tempo, na capital do reino, Aznar desculpa o defecto do candidato do seu partido (é galego, pobre), facéndonos lembrar as palabras aquelas de Rosa Díez.

Onte tentaba eu explicar a situación diglósica de Galiza e como se foran asentando as ideas espalladas por Lope de Vega, ou Góngora, ou Avellaneda ao longo dos séculos. Lonxe de rebatilas con "orgullo" seguimos a ter complexo de cultura subsidiaria. De nada serve que nos institutos nos aprendan que toda a lírica medieval da península durante a Idade Media foi en galegoportugués; de nada serve reivindicar a Rosalía de Castro como a figura máis importante do século XIX na España e unha das grandes de Europa, non por ser romántica e chorona, senón por facer do nihilismo poesía e adiantar as correntes vangardistas que abrirían o século XX. Dá igual o que nos digan. Foi tal a castración que sufrimos, que xa nos vemos eivados por sempre.

Non sei se os xerentes de Marineda pensan como o presidente Feijóo que o ideal é tender a unha lingua universal (nomeadamente o inglés) aínda que non teña vocábulos para referir a nosa realidade. Que máis ten se as nosas vacas rubias agora pasan a ser yellow ou orange, se os nosos carballos son substituídos por eucaliptais, ou se a miña avoa agora pasa a ser unha palabra impronunciábel. Que máis ten!! Eles ofrecen os produtos máis baratos e nós estamos en crise. En crise de valores, de pensamento, de opinión. Nestes tempos que nos rondan, eles soñan con hipotecarnos a identidade. En cantos euros valorarán a nosa galeguidade?Chegará o prezo para amoblar un apartamento de 60 metros dadrados?

Mais o que eles non saben, é que os galegos somos un pobo de feiras. Preferimos ir tratar cos paisanos de ti a ti, botar unhas lerias e logo ir comer o polbo acompañado dun viño da terra. Se cadra tamén nos bares deste gran "Complexo" serven octopus a la feria con wine acabadiño de chegar das terras do frío. Cousas veredes!!!

9 e eu diría máis...:

A nena do paraugas disse...

A todo isto que dis non engado nada, pois está demasiado claro e conciso e concordo contigo totalmente. Pero amólame esta realidade. E o malo é que cada vez semellar haber máis impedimentos para manter viva a nosa identidade.

Un saúdo.

Paz Zeltia disse...

moi ben o tono enaltecedor, joder, xa me pega gana de apedrear os autobuses que levan na parte de atrás un cartelón inmenso que pon:
"sube, nosotros vamos a marineda city"

seguro que a maioría deles nin sabe qeu Marineda é como se denomina á Coruña no universo de ficción de Emilia Pardo Bazán.

Chousa da Alcandra disse...

Vémonos en calquera feira facendo tratos, Xenevra!.

Aiii, carallo "Dios nos dea ira, que pacencia témola de sobra" (Dona Emilia dixit)

xenevra disse...

E vaia que amola a realidade nena do paraugas, mais non debemos deixarnos levar por ela, hai que construíla dende a liberdade, dende as raiceiras da historia para que non poidan seguir esmagando nela sen impunidade.
Un saúdo

Nin saben, nin lles interesa saber Zeltia. Canto maior sexa o ostracismo máis grande o seu poder. Quizais ele vaian a Marineda City, pero non coñecerán A Coruña cidade.
Somos, malia que lles doa; e seguiremos sendo.

Adv´rtoche que a paciencia non é un don que eu teña Chousa, así que vai depender moito de como vaia o trato que invite a un café ;) hahaha
un beixiño

Unknown disse...

Moi chulo o teu blog, pero non supera aquel vello caderno onde se mesturaban as listas de libros obrigatorios cos calzóns de Figui e as miñas reivindicacións da chave do departamento...

xenevra disse...

Aquí roscawoman contactando con balón-man :P:P:P
Céntrémonos; aquilo era unha páxina güeb non un blogue (buáaaaaaaa) e os calzóns de F. pedinlle milleiros de veces que os recollese, pero xa o coñeces. Canto ao das chaves, ais as chaves!!! que dicir das chaves que ti xa non saibas???

paideleo disse...

Polo menos aprendín a orixe da palabra Marineda con toda esta leria.

A nena do paraugas disse...

Pois empezo a ver con desacougo a realidade que tento construír co galego. Estou rodeada de xente galega a cotío que soamente se expresa en galego comigo e dá media volta e fala castelán coa persoa galega que está ao meu carón. E o que me sorprende é que fala galego con acento ben pechado. Non entendo a esa xente.
Se o sabe, por que non emprega?

rui disse...

Moi interesante este post que non lin no seu día. Aínda que sexa tarde teño ganas de responder. Penso que esa inercia do autodesprezo dos galegos é difícil de endereitar tanto máis canto o galego das institucións, dos políticos é unha farsa, unha língua para a liturxia, dar o discursiño e acabouse, logo na vida real os "xefes" seguen a falar o castelán, e o pobo continúa apreciando que a realidade (a realidade real, non a dos medios de comunicación) é que a língua dos ricos segue a ser o castelán, que segue a haber un desprezo cara ao galego-falante natural, o que non coñece o galego oficial porque mesmo aí fixemos as cousas mal e aseptizamos tanto a língua que só é aceptable cando se fala como no telexornal, se vés coa gheada ou o seseo "pobriña esta gente que no sabe el español". E si, moitos che falan en galego, pero só a ti porque saben da tua "peculiaridade" aos outros xa non. A tendencia natural é a desaparición do galego, e a hipocresía de todas as xuntas e todos os partidos (galegos en campaña, casteláns o resto do tempo)non lle fixo moito ben á nosa língua.
Unha aperta