09/07/10

No Lalín Arena con Sabina

Amenceu o día, demasiado cedo, cun rebumbio de tronos que enchía o meu cuarto. Quería ter durmido moitas máis horas para estar descansada cando chegase o momento. Quedara sobre as 8 en Lalín, pero, coñecéndome a min, non estrañará se digo que non cheguei ata as 9... pasadas. Metemos algo rápido no estómago e fomos cara o Lalín Arena. Eu, tranquila, sosegada, sabendo que aínda faltaba media hora para que empezase. O meu amigo, acelerado, veloz, sabendo que só faltaban cinco minutos para a hora que indicaban as entradas. Aclarado o meu erro apurei un pouquichiño máis o paso; ás 10 menos cinco estabamos entrando. Abrir o bolso, ensinar o seu contido e pasar a outra cola onde nos pedirían as entradas.

Por fin estabamos no recinto que esa noite se inauguraba. Unha ollada dende a parte alta levounos a descubrir un pequeno oco na zona dianteira da pista. Alí, de pé, case rozando o escenario, esperamos a que saíse. Apagaron as luces. Descubrímonos soñando ao ritmo de Lilí Marlene e cantaruxando palabras que nos resultaban impronunciábeis. Acabados os compases entrou o poeta, o mestre, o crápula, o home do eterno sorriso: Sabina. Veu dereitiño cara onde eu estaba para cantar, mentres me miraba directamente os ollos (xuro que foi así, que non o soñei) o Tiramisú de Limón. E eu que non me teño por lambeteira, degusteino lentamente, deixando demorar cada palabra nos meus beizos ata o momento cume do refrán cando me somerxín nunha marea de choutos e cantos e brazos e miradas e suores, sobre todo moitas suores.

Unha noite máxica para o recordo, para o presente, para o futuro, para a complicidade escondida nunha lúa de mel que ilumina as noites do porto coruñés da man da Madalena, que ben podería ter sido eu... ou ti.

Botei en falta algunhas cancións, pero o certo é que dúas horas e cuarto non dan para debullar todos os recordos que levo gardados nos seus versos. E foi que nos deron as 10, e as 11, e as 12, e logo a unha e as dúas da man dunha copa no Barriga Verde. O mestre non entrou, supoño que tiraría cara a cidade portuaria que el tan ben coñece.


7 e eu diría máis...:

Xan disse...

Sabina ese poeta que mira os ollos. É imperdonable que o mestre non se caera polo Barriga verde....
Un saúdo

Raposo disse...

Sempre é un pracer ir a un concerto de Sabina e mais si se achega e te mira os ollos.
Tiña que actuar o día 5 en Vigo pero cancelouse non sei porqué, creo que o pillabán virá en outubro. A ver si desa vez si...

A nena do paraugas disse...

Sabina, o máis grande. Ou un dos máis grandes. Sempre un pracer escoitalo, en directo ou en diferido.

Un saúdo.

Paz Zeltia disse...

Eu coñecín a Sabina polo disco do Mandrágora. Entón aquel disco pareceume tan "divertido"... que cando volvín oir de Sabina, xa tiña a miña simpatía. As letras gústanme, voz o que si dí voz... non ten, pero nin falta lle fai; porque ainda que recitara coa guitarra, estaría ben.
Mais eu penso que para estar con Sabina, nada coma en locales coma o Mandrágora, esa cercanía onde se lle puidera ver brilar nos ollos todo ese descaro de "chico malo". En fin, os anos pasan por todos, e o verlle a punta da capa a Morte, fixo que quedaran alá atrás os vicios, os que lle daban aquela coroa. Ou quizá é agora máis truhán, pode que antes fose mais honesto, si?, non?
canto lle quedará ós 60 de quén foi ós 30...?

xenevra disse...

Así o é Xan, e eu aínda suspiro cada vez que o penso ;)
Outro saúdo volve

Anda!! Pois eu pensei que a de Vigo xa fora Raposo. Eu aínda teño regusto amargo daquela que cancelaran en Compostela el e o Serrat, pero esta vez foi!! En outobro creo que tamén estará en Lugo nas festas so san Froilán.

Un pracer fermoso e doce, como o morder xugoso de morder unha mazá recén collida da árbora nena do paraugas

Non, non era o Mandrágora Zeltia, pero ben pertiño que estiven del. Certo que logo non se deixou caer polo Barriga Verde como faría nos tempos mozos, mais o concerto pagou a pena con moito. Creo que segue igual de canalla (quen tivo retivo) e así seguirá mentres sigamos a suspirar por el. É o prezo da fama ;))
Un biquecho

Chousa da Alcandra disse...

Estou dun recollemento eu que mete medo. Tiña previsto ir a ese concerto e...lolailo!.
A ver se para outra ocasión me dan as dez e as once...

Bicos

xenevra disse...

Ais Chousa, que unha cousa ñe o recollemento e outra perderse o concerto do Sabina. Mira que estivemos recollidiños nun lugar que vén de ser estreado, aínda noviño, e sen televisión ni futebol!!! vou ter que darche unha tirada de orellas, ai ai ai ai ai lalaiiii