Mostrar mensagens com a etiqueta concerto. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta concerto. Mostrar todas as mensagens

09/07/10

No Lalín Arena con Sabina

Amenceu o día, demasiado cedo, cun rebumbio de tronos que enchía o meu cuarto. Quería ter durmido moitas máis horas para estar descansada cando chegase o momento. Quedara sobre as 8 en Lalín, pero, coñecéndome a min, non estrañará se digo que non cheguei ata as 9... pasadas. Metemos algo rápido no estómago e fomos cara o Lalín Arena. Eu, tranquila, sosegada, sabendo que aínda faltaba media hora para que empezase. O meu amigo, acelerado, veloz, sabendo que só faltaban cinco minutos para a hora que indicaban as entradas. Aclarado o meu erro apurei un pouquichiño máis o paso; ás 10 menos cinco estabamos entrando. Abrir o bolso, ensinar o seu contido e pasar a outra cola onde nos pedirían as entradas.

Por fin estabamos no recinto que esa noite se inauguraba. Unha ollada dende a parte alta levounos a descubrir un pequeno oco na zona dianteira da pista. Alí, de pé, case rozando o escenario, esperamos a que saíse. Apagaron as luces. Descubrímonos soñando ao ritmo de Lilí Marlene e cantaruxando palabras que nos resultaban impronunciábeis. Acabados os compases entrou o poeta, o mestre, o crápula, o home do eterno sorriso: Sabina. Veu dereitiño cara onde eu estaba para cantar, mentres me miraba directamente os ollos (xuro que foi así, que non o soñei) o Tiramisú de Limón. E eu que non me teño por lambeteira, degusteino lentamente, deixando demorar cada palabra nos meus beizos ata o momento cume do refrán cando me somerxín nunha marea de choutos e cantos e brazos e miradas e suores, sobre todo moitas suores.

Unha noite máxica para o recordo, para o presente, para o futuro, para a complicidade escondida nunha lúa de mel que ilumina as noites do porto coruñés da man da Madalena, que ben podería ter sido eu... ou ti.

Botei en falta algunhas cancións, pero o certo é que dúas horas e cuarto non dan para debullar todos os recordos que levo gardados nos seus versos. E foi que nos deron as 10, e as 11, e as 12, e logo a unha e as dúas da man dunha copa no Barriga Verde. O mestre non entrou, supoño que tiraría cara a cidade portuaria que el tan ben coñece.