Tras uns días de moita emoción, volvín coller as gafas de espiar e descubrín a Alicia, tal e como a deixara...
Alí estaba co seu vestido azul fronte da porta, a enorme porta escura que a protexía do mundo exterior. Non forzou os seus pés para desatracalos do chan, nin os seus ollos foron quen de ir máis aló do centro claro na veta da madeira.
Ficou alí durante horas mentres lembraba a derradeira vez que mirara feliz os seu sorriso, os seus ollos degoirantes por trabar o mundo, os seus rizos desordenados. Recordou a súa voz pedindo un caramelo, as súas mans mornas xogándolle entre os dedos, o ruído do coche; outra vez o ruído do coche. Un calafrío eterno percorreu todo o seu corpo mentres aquel son martelaba a súa cabeza, e caeu esvaecida no chan. O frío das baldosas foron conquistándoa pouco a pouco mentres o estómago daba voltas sen parar. Pode que sentise as bágoas esvarando ata a súa boca, ou pode que non.
Se fose unha muller das que mide o tempo, diríavos que pasaron longas horas ata que puido levantarse de alí, mais ela non precisaba de reloxos. Desaparecera o ruido malévolo e o silencio reconquistara a casa. Quitou o abrigo e os zapatos e sentou no sofá do salón. Pousou as mans no regazo baleiro e os ollos no negror do televisor. Non importa se comeu ou o que comeu. Para que deterse en instantes triviais cando a vida acaba de escachar contra do teu alento?
Como unha autómata dirixiuse cara o estudio, puxo algo de música e prendeu o ordenador. Que hace una chica como tú en un sitio como este... Sentou diante da pantalla como fixera cada día destes inmóbiles catro anos. Alí estaba agora o seu mundo, un mundo silencioso qu enon podía danala. Unha breve entrada no seu blogue, catro liñas apenas, e unha foto que conectaba a súa interioridade co mundo de fóra. Ao primeiro só era unha maneira de deixar de fuxir, pero co paso das palabras foi tecendo unha rede de persoas coas que compartir algo, ou todo, ou case nada. Non sabía quen había detrás daquelas alcuñas; non quería sabelo. Non se pode amar o que non se coñece. Aínda así, gustaba de velos cada día alí, conectados, e preocupábase cando alguén faltaba máis do acostumado. Sen embargo estaba a salvo, protexida polo monitor. Ninguén a miraba con compaixón, ninguén quería collela da man e dicirlle que sairía adiante. Ninguén lle falaba do que ela non quería oír.
As 8 e media da tarde. A porta da rúa abriuse como cada día a esta hora. Unha voz que acompaña e que fere. E chorou.




8 e eu diría máis...:
pois vai collendo misterio a cousa.
a protagonista encerrada por propia vontade, non vive soa.
sorprenderíame que lograra poder sair nese primeiro intento
Esas gafas de espiar semellan tamén un medio de locomoción para a túa mente. Vaise cómoda nelas, á que si?. Incluso por veces mesmo poderíase dicir que son elas as que marcan o rumbo da historia...
Pódense intuir algúns datos: unha muller que perde unha filla nun atropelo ?. Un maltratador ?. Un respiro cando se conecta á interrede ?.
ir descubrindo pouco a pouco o que pasa do outro lado do cristal, sen máis ritmo que o que marquen as cortinas ao abrirse ;)
Un bico. Grazas por estardes aí, comigo. Serve para suavizar o meu complexo de cotilla :P:P:P
Non me cheira ben ese tipo... Mira que che digo que teñas a porta pechada... Raio de muller !!
Bicos á cachoeira do sol (por máis que se quede fóra...)
Isto que veño de ler ten máis fondura da que se ve na apariencia.
Parabéns!
Alicia vive no exilio intrauterino do medo, que non deixa florecer a súa identidade minimizada. Conectada ao mundo polo cordón umbilical do seu computador, nalgún momento terá que romper as cadeas da súa síndrome de Estocolmo, e sentir a soidade anónima no medio da multitude.
Un saúdo
Bico solete; prometo que hoxe pasei a chave ;)
Moitas grazas nena do paraugas
Perfecta análise da personaxe Xan; agora falta ver se será quen de rachar coas cadeas.
Enviar um comentário