31/01/10

Alicia (III)


Como cada tarde demorou o momento de encontrarse cara a cara con ela. Aprendera que precisaba ir preparando o seu ánimo para recibilo. Como un ritual deixou a carteira no salón, o abrigo no vestidor, os zapatos no moble da entrada, puxo os carpíns de andar pola casa e foi ao baño. Ao pasar fronte á súa porta, disimulando que a espiaba, deixou escapar un doce "boa tarde, preciosa". Non houbo resposta. Retirou as bágoas que chegaban lentamente á boca coa manga do vestido.
Logo entrou el, púxose nas súas costas e acariñoulle o cabelo. "Que guapa que te puxeches hoxe..." Levantouse bruscamente da cadeira e afastouse. Parecía que se aveciñaba outra noite dura de xélidos silencios. Apertou os dentes, aspirou fondo e pensou que as forzas estaban chegando á súa fin. Como a amara!! E agora..., agora xa non sabía se a amaba, era costume ou simplemente a pena que queda tras o naufraxio. Non, non era pena. Doíalle vela así, mirala mentres se ía deteriorando por fóra e por dentro e recordaba aqueles d... "queres que fagamos a cea?" Abandonou rapidamente aqueles pensamentos e entrou sorrindo na cociña. Tiña tantas cousas que contarlle. O día fora do máis curioso, e non só polo home das galiñas "demandar as galiñas do veciño por acosalo cada vez que sae da casa"... Mentres el ría a cachón con todos os detalles, ela deixou ver un tímido sorriso. Mirouna e foi feliz. Non parou de falar durante toda a cea. Sabía, dende que lle viu o vestido azul, que hoxe fora un día duro e calquera silencio sería a mellor ocasión para que entrasen novos muros.
Ningún dos dous durmiu aquela noite, non era a primeira que pasaban en branco, sen embargo el presentía que o tempo estaba chegando á fin. Tiña que tomar unha decisión. Barallou recordos con futuros, mesturou desexos con imposíbeis, bebeu diálogos por escribir, suspirou peles que anhelaban ser tocadas, enredou sabores no pelo que acariñaba o seu nariz e abrazouna. Pareceulle que esta vez se deixaba abrazar e bicouna tenramente no ombro.
Demorou o día en saír. Cando os primeiros raios do sol se filtraron pola ventá, ela quedou durmida. Un pé fóra suavemente, logo o corpo, e unha decisión: hoxe sería o día. Colleu forza ante o espello e planeouno todo mentres a auga da ducha caía polo seu corpo; non deixaría nada ao chou, sabía ben que o azar é traizoeiro. Un café, sen zume, sen torradas, sen derrotas. Un café pletórico de ansias novas por guindarse ao futuro.

12 e eu diría máis...:

paideleo disse...

Que intriga !. A ver se contas ese día !.

A nena do paraugas disse...

O que máis me intriga é que aconteceu antes de chegar a este punto. A verdade é que se poden facer mil cábalas.

É curioso, ás veces as vidas en común non son tales, só son vidas paralelas e, como tales, nunca chegan a unirse, por moito que se prolonguen. Ou iso me contaron. Non son de matemáticas. Non obstante, ás veces empeñámonos en cruzalas...

Bicos, Xenevra.

Paz Zeltia disse...

a primeira parte, cando mesturas o dela co del todo seguido,
gústame o efecto que logra. (coma se os pensamentos dos dous foran un ar só flotando nesa atmósfera opresora da casa)
o resto describe o sentimento del, dunha maneira tenra, pero que permite ver a amargura e a desesperación que xa lle chegan ó fondo da alma.

quedanme ganas de seguir lendo a historia.

Anónimo disse...

Cómpre un café (e ás veces un bon almorzo) para afrontar a vida.
A ver que segue logo.

Chousa da Alcandra disse...

Observo con envexa o ben que descifran o teu código quenes me preceden no comentar. Eu debo confesarme perdido na historia á vez que quero máis.
Serei parvo ou lento de entendedeiras?. Fico atento á seguinte entrega.

Bicos para ti (e un aloumiño para Alicia)

mariajesusparadela disse...

Eu son tan lenta como Chousa. Pero, non teño presa...
Gústame moito o que leo.

brabido disse...

Eu estou impaciente pa vela seguinte historia de Alicia,Xenevra escribes con moita pasion.

Bicos

Xan disse...

Case sempre os cara a cara déixanse para as tardes ou para o día seguinte; pola contra as escapadas adoitan ser ao amencer, para tropezarcanto antes cos novos horizontes. Cando un non sabe se ama, é que o amor xace no campo de batalla.
Gústome moito esa forma de describir e combinar as emocións e a realidade.....

xenevra disse...

Tentarei seguir espiando paideleo; ben, certamente non o tentarei, esa ventá tenme "medio" enganchada ;)

O que non saben os de matemáticas, nena do paraugas, é que ás veces a realidade é teimuda e dáselle por xogar coas liñas poñéndoas oblicuas, perpendiculares, ou mesmamente facendo círculos. Hai liñas cheas de poesía...

grazas zeltia polo dito e polas ganas amosadas de futuro. Bk

Ao café sempre lle segue unha porta aberta e unha mirada cara adiante, Kaplan, aínda que recoñezo que ás veces gústame tomar o café e volver á quentura das sabas; son preguiceira.

Pásame coma a ti Chousa, tamén os envexo. Nada de parvidade hai quen quere seguir descubrindo, os parvos son os que, tras non entender o mundo, deciden non afrontalo. Un gusto ter xente afoutada compartindo lecturas.
Eu mándoche outro bico; Alicia querería, pero aínda segue a temer as mostras de cariño...

Grazas mariajesus por non ter presa e por volver :))

Fico abouxada brabido, por ter enganchado a túa impaciencia e por teres acollido a miña paixón. Houbo quen dixo que a escrita era o mellor refuxio para as covardes... fiúuu

Moitas grazas polas cumprimentacións Xan. Certamente o amor é un sentimento tan complexo que sabelo a simple vista o simplificaría demasiado.

Grazas a todas e todos polo voso tempo e as vosas palabras que me abouxan e, en certo modo, fan aumentar o meu ego. bks

Seymour disse...

Gústame ese café. Pletórico. Hai que saborealo cada mañá. E guindarse ao futuro aínda que o que un planeou se desmande.
Saúdos.

xenevra disse...

e esas veces en que se desmanda, nesas sorpresas, nas que o futuro realmente semella máis atrainte ;)
Grazas Seymour

Carlos Sousa disse...

Tarde pero xa me enganchaches a mim na historia. Ten que ser moi duro unha situación así, pero habería que saber por que chegou a ese estado.
Estarei atento a túa espionaxe.