Non é fácil vivir dentro dun sombreiro. Hai tempo que veño experimentando con isto, mais recoñezo que non é nada doado. E non penses que o peor é non ver o sol cada mañá, ou non ter estrelas pola noite. Non, iso súplese coa memoria e a miña sempre foi moi boa. Recoñezo que custa un pouco afacerse a que non chova ou a oír o ruído do trono sen ver lostregar. Claro que isto ten a vantaxe de non precisar botas. A min gústame ir cos pés espidos, tal vez porque a vergoña me levaba a cubrir o resto do corpo. Éche o que teñen os bos costumes e a moralidade. De súpeto, sen saber como, veste inmerso nun mundo de prohibicións e restricións que non escolliches. A min gustábame nadar espido nas pozas das fervenzas. Era unha brincadeira enorme ver como desaparecía esa pequena parte do corpo que tanto me domina. Soñaba entón que era un sireno asexuado. Con isto non entendas que non me gustaba o sexo contigo (ben, contigo ou con outras mulleres); ao contrario, sempre gocei enormemente co contacto dos corpos, coa calor dos teus beizos, co tacto suave nos meus dedos da túa pel, coas túas humidades profundas. Iso si que o boto algo de menos agora. Deberían facer chapeus bicefálicos, aínda que... Non sei; quizais iso de partillar o chapeu toda a vida tampouco me gustase.
En fin, o que che dicía, que non se está mal aquí dentro do sombreiro. Sen embargo, ás veces esmágaseme a alma cando non podo escoitar o teu sorriso. Se puideses polo menos, achegarte algunha vez ata a miña aba e deitar un sorriso, creo que estaría mellor. Non fai falla que poñas o vestido, só quero oírte sorrir.





6 e eu diría máis...:
Abraiado ando co que pode saír de embaixo do (teu) chapeu. Case tanto coma co que poden chegar a agochar as fervenzas, quén o había dicir... ;))
Fermosas as letras, orixináis, moderniñas, só lles falta bailar.
Eu nunca tiven chapeu. Como moito un gorro de lá. Pero si petos na roupa. E cantas cousas había e hai nos meus petos!
E desde dentro, ás veces tamén escoito esa vociña que pide un sorriso... Con ou sen roupa. Iso é o de menos. O importante, o sorriso.
Porque desde os meus petos, tamén me chegan sorrisos.
A ti chéganche desde o chapeu?
Bicos.
Un texto moi oirixinal, moito, que deixa moitas preguntas no ar. ¿Non vivimos todos un pouco así dentro de algo, dígase sombreiro ou o que sexa? Eu tamén teño o meu mundo particular. Biquiños,
Gosto das fervenzas, e tamén dos chapeus, mais do que só cobren a melena ;)) Si, gosto das fervenzas... e das túas palabras.
Un beixo graaaaaande setesoles
Chéganme dende os petos, dende os bolsos, dende os chapeus, dende os ollos. Chéganme coa forma das túas / vosas palabras. Moitas grazas por elas nena do paraugas
E quen diga que só vive de realidades mente; mente ou tolea, que nunca se sabe do que somos capaces os humanos. Ou si? Oxalá sempre teñamos preguntas aldabra. Bicos fortes con sabor a mar.
Na miña aldea úsase a pucha que é máis enxebre. Bo, usábase porque agora predominan as gorras de publicidade variada, pero non é o mesmo.
Fóra do chapeu fai máis frío, pero é onde pasaremos a maior parte da vida. Dentro do chapeu buscamos acubillo, reflexionamos sobre as nosas experiencias -goces e tropezos- das nosas expedicións.
Un texto doce e acolledor, como nun chapeu
Enviar um comentário