22/10/11

Unha nova historia

I

     Entrou na libraría seguindo o ritual de cada sábado. Non importaba en que lugar estivese para cumprilo fielmente. En certa maneira, era a forma de seguir vencellada a seu pai. Non era ese home do que súa nai falaba coas amigas, era outro. Na súa mente el seguía a ser alto e forte, rotundo, de sorriso franco e enorme e cunhas mans que, sen esforzo, abranguían todo o seu corpo de nena. Aquel home fincara nela esta tradición igual que lle podía ter prestado a cor azul dos ollos.

     Pois ben, aquela mañá de sábado Elisa entrou na libraría para escoller o libro da semana. Dende o primeiro momento sentiuse envolveita polo cheiro do lugar. Non ulía a tinta nin a perfumes envasados nos enchufes; a esencia desprendíase mesmamente dos libros que se ordenaban, de xeito case caótico, nos andeis. As súas tapas non estaban engalanadas con fotos marabillosas ou cores brillantes. A maioría eran libros antigos encadernados en pel, uns marrón, outros negra; mais todos eles con letras douradas. A vista danzaba dun a outro sen saber onde pousar. Normalmente as súas mans tiraban dela cara un título, cara unha imaxe, incluso cara algún autor coñecido, pero nesta distribución vertical dos tomos nada había que os diferenciase. Coma un xogo decidiu pechar os ollos e botar man ás escuras. Levouna o destino cara un de tacto áspero, de tapas gastas, de po miúdo sobre os cantos. Percorreuno cos dedos e sóuboo pequeno, estreito... Foi o seu primeiro descarte. Deixou que os dedos avanzasen, retrocedesen, subisen, baixasen sen xeito algúns por aqueles andeis. Non podería dicir canto tempo se entretivo neste xogo cego ata que unha voz tras dela fixo que volvese á realidade visíbel.
- Podo axudarche nalgo?
      Tirou do libro que nese momento estaban a repasar os seus dedos e pediu que llo cobrasen. Non mirou o título, o autor nin o tipo de letra. Tiña a cara tan rubia que pensaba que ía estalar dun momento a outro. Só podía pensar en fuxir. O home da tenda sorriu mentres tomaba o libro nas súas mans para indicarlle o prezo.
- Diríache que fixeches unha moi boa escolla, pero creo que iso o comprobarás unha vez que o remates e veñas procurar o próximo. Espero que non tardes moito en volver por aquí.
- Ah, non creo! Eu non son de aquí; vivo bastante lonxe.
- Iso non é importante. Se che gusta, volverás.
     Chiscoulle un ollo e entregoulle o libro xunto coas voltas do seu billete. "Un raro comezo para unha nova historia" pensou ela mentres oía o tilintín da campaíña ao pechar a porta.

4 e eu diría máis...:

Raposo disse...

Escoller o chou pode deparar gratas sorpresas: asi foi como coñezín a Borges.

xenevra disse...

Esa si que foi unha sor-presa Raposo e seguro que quedou ben presa ;) Como soltar a Borges!!!

paideleo disse...

Os libros, como as receitas de comida, muitas veces son sorpresas así.
A ver como segue a historia.

Anónimo disse...

Hai que andar con coidadiño. Hai fadas malas que traban nos dediños das mozas que procuran libros ao chou. Iso me dixeron elas... Vai ti saber se eran da libraría de enfronte...

Vólveme o verán, fai o favor, anda...

;)