18/05/11

Pasemos á acción

Está ben indignarse.
Está moito mellor rebelarse.
Pero, o realmente necesario é pasármonos á acción.

Son días de reivindicación. Reivindicamos a lingua, a democracia. Berramos que temos dereitos, e algúns esquerda. Afogamos, nos faladoiros dos bares, a nosa indignación en palabras irreverentes, en desexos descarnados contra todo e contra todos. Esnaquizamos os xornais ao debullalos miudiño entre os dedos, facendo das súas noticias a nosa ideoloxía. Bouramos nos outros a nosa xenreira para non marcharmos para casa con ela e así sentamos, tranquilamente, fronte o televisor para seguir soltando lastre diante do noticieiro. Logo vén a serie de moda, ou unha peli na sexta3.

Mais xa é hora de erguernos, saír á rúa e dicir cales son as nosas propostas (pois as protestas parece que as imos tendo claras). Contra a sinrazón, a razón. Pero, cal razón? Non todas son iguais, por suposto. Quizais a miña indignación pareza que me iguala ao veciño do 4º, sen embargo o único que comparto con el (e só ás veces) é o ascensor. Gustaríame dicir que non teño máis patria que a miña lingua, que son unha antisistema e que o modelo actual de organizaren o mundo, non é o que eu quería. Certo: eu non pedín nacer nesta época, mais foi así. E como non me gusta, non vou renunciar a cambialo. Para iso teño a miña voz, os meus pasos berrando nas rúas ateigadas de descontentos, as miñas pancartas (que por manidas non van ser menos lexíbeis), os meus ideais... 

Agora vén o máis importante: darlles forma. Pasar á acción. Os meus obxectivos están claros; sei o que quero e vou deseñando o camiño para os conseguir. Miro ao meu redor. Moitas caras nos pasquíns están a mandarme mensaxes. Non son todos iguais. tampouco as súas mensaxes o son. Pode que ningún deles teña o programa que eu deseñaría e aínda que podería crear unha nova organización (dentro das moitísimas que hai para escoller), non é ese o camiño que decidín seguir. De entre todas estas hai unha, a que terá o meu voto o 22 de maio, que me ofrece moitos dos obxectivos que eu subscribo, entre eles a defensa da miña lingua. Miro as persoas que van nesta candidatura, moitas delas coñecidas de vello. Confío nelas. Non espero que sexan infalíbeis, só que non perdan o rumbo e que sexan o ronsel que me leve a ese mundo no que eu quería ter nacido. O desánimo non entra na miña contabilidade.

A INDIFERENZA, MATA



(Unha curiosidade: buscando agora por se xa estaban na rede os vídeos cos actos das letras galegas, dei co parte da galega. Inicia un suceso, segue a mención a Lois Pereiro e, a continuación, expláianse nas protestas sociais dos que queren unha "democracia real xa". Nin palabra dos que reivindicamos a nosa lingua)

10 e eu diría máis...:

mariajesusparadela disse...

A lingua non interesa. A lo menos ó feixoada (será para que esquezamos que só é unha faba).
Os que defenden a lingua tampouco o fixeron demasiado ben, pero ou eles ou máis dereita e, ante iso...

xenevra disse...

Parece que a lingua só interesa a uns poucos, pero só o parece. Somos máis, aínda que non sexamos tan visíbeis ;)
Hai opcións, tamén máis das que se ven. O importante é buscar a que mellor se adapte a nós. Ficar quedos non serve para avanzar. hai que saír do inmobilismo.
Bicos con lingua de nós mariajesus

Anónimo disse...

Non basta con un só día, ha de ser todo o ano: hai que revoltarse contra todo o que nos abafa e nos adormece. Da lingua á economía e a política.
Niso estamos, nas trincheiras

Paz Zeltia disse...

E que "o movemento" da "democracia real xa" é máis novedoso...
:)
do que dis o que mais me gusta é iso de pasar a acción... pero iso non é só saír á rúa e protestar. Non quero isto. Vale, pero hai que organizarse e enton, facer outras cousas.
descontentos e protestóns somos abondo: na barra do bar.

Chousa da Alcandra disse...

Tés razón ti e tamén a ten Zeltia. Non podiades meter na licuadora as vosas propostas xuntiñas e deixarme beber dese caliz?.

Bicos de lingua. Sempre

xenevra disse...

Nin un día nin un ano Kaplan; revoltarse para non caer na apatía, no asimilismo, na cadencia do costume. A acción é o contrario do inmobilismo ;)

Totalmente contigo Zeltia. Pasar a acción non é traspasar a porta e ficar quedos mirar como pasa o tempo no reloxo. Accionar, activar, facer funcionar... e iso impllica moverse.

darémosche, logo, unha boa beberaxe que non permita que pare a túa mente de argallar propostas de futuro. Aínda que non sei se precisas moito dela, pero que non se diga que é por falta de combustíbel. Beixiños

Raposo disse...

Pois o 22 é un bo día para pasar a acción e empezar a poñer a cada político no sitio que lle corresponde.

Nilson Barcelli disse...

A vossa luta é difícil, mas não é impossível de ser ganha.
Beijos, querida amiga e vizinha Xenevra...

Xan disse...

Ninguén é infalible, ningunha organización é exactamente nin propón exactamente o que querería cada un de nós, pero só desde o nacionalismo deféndese a nosa lingua ,a nosa identidade e os nosos dereitos colectivos e individuais.
Bicos

xenevra disse...

E chegou o día Raposo. Agora esperar ver como foi todo. Un saúdo

Oh Nilson, não sei se tem ideia de quão gratificante é receber essas suas palavras! São tempos difíceis, nomeadamente para a poesia ;)
Mas o importante é sabermo-nos na luta, saber que não adormecemos com os sonhos dum mundo mais cómodo a cambio das nossas almas.
Beijos irmãos

Xa o dixeches ti Xan; e eu subscribo todo. Bicos reflexionados :))