Volvo á cadeira rotinaria desta cidade que encerra a miña ventá. Volvo con novos soños, con novas ilusións, con ausencias temporais que nalgún momento de egoismo doen. Volvo con sorrisos, con estradas abeiradas por lumes, con ríos de auga cálida que fan fervenzas onde perder as orixes, con música da Traviata, con petiscos, con praias...
Miro os estantes onde colocar todas estas sensacións que a partir do seu caos crean un novo mundo, e comprendo que non hai orde posíbel. Entón decido retozar con elas polo chan mentres fan cóxegas nos meus oídos, no meu ventre, nas miñas pupilas...


Soa o teléfono de madrugada e bisbea que estás ben, que a viaxe foi longa e estás cansa, pero feliz. Sorrío de novo ao ver a túa cara iluminada tras este océano que nos achega. Seite, sábesme. Sábesme a nenez, a sal, a risos conxurados pola inocencia, a amor de balde...
E volvo a esta cadencia de cada día, que pronto se tornará gris, mentres ti descobres mundos novos. Entón cóntoche outra vez o meu verán mentres ti ris as ocorrencias desta pobre tola e pides todo tipo de explicacións e de datos adornados con hipérboles que fan estourar as túas gargalladas.
Quédanos aínda tanta vida!!

E mentras escribía isto chegou o teu primeiro correo. A túa felicidade pinta bolboretas no meu cuarto. Quérote miña pequena xa grande E.




13 e eu diría máis...:
Un bo regreso parece. Sabe ben.
O regreso e a rotina non teñen porque ser sinónimos. E ti sábelo.
Os océanos poden separar os corpos pero non os sentimentos nin o cariño. E ti sábelo.
Bicos.
O que nos fai sentir ver aos nosos fillos felices, non hai adeuses que poidan con iso.
En canto as rutinas, en cantiño non te deas conta, xa forma parte da cor d iris dos teus ollos, plácidamente arrandeada polos dias.
Regresar cun sabor tan doce e coma non marchar nunca :)
Alegrome de que volvas a tua (nosa) rutina e cun sentimento feliz.
bicos
Mágoa que non che vexan a cariña de susto, ho... ;))
E digho eu... O mesmo vólveche falando inghlés... :-O
O mundo é dos tolos !! (diso hai tempo, xa, non penses...)
Como terapia, paréceme moi boa a iniciativa de retozar coas sensacións que non teñen orde nin lugar onde aparcalas. Somente dese xeito poderás lograr que che fagan cóxegas. E así, mentras te rís, xa chega o momento en que o mar se estreita para xuntarvos un anaquiño outra vez.
Benvida á cadeira rotinaria deste mundo esférico cheo de paxariños piadores...
Tócanos encher o baúl das lembranzas e seguir.
Sabe ben o teu regreso, inventadas as sensacións..retidas nunha estanteria con cheiro a renovación. Biquiños coma cóchegas.
O que sabe ben é compartilo Sun iou Miou ;)
Ben que o sei meu raposo sabio, pero ás veces o corazón xógalle malas pasadas á cabeza.
A rotina vaise ir enguedellando zeltia e, como ben di o raposo, só hai que saber tirarlle o seu zume. E os adeuses... nunca son tales :)
Vaia Merce apropióme da túa conclusión e fágoa miña. Grazas polas palabras. un bico
Mais ca cara de susto era o rictus da conxelación solete, pero iso xa ben o sabes jajajajaja Agora ben, eupodo presumir de afoutada (fiúuuuuu)
E chego e descubro que os paxariños pian a feito e con moito tino Chousa e tamén acompañan cos seus trinos, como ten que ser, a volta a este noso océano.
Gusto das cóxegas Maribel, aínda que logo non dou parado de rir. Pero si, saben ben e aprehendinas con forza. Un biquecho
Ben, volver ao aparente punto de partida é bo. E digo aaparente porque cando voltamos sempre hai algo que mudou na nosa ausencia e descobrilo é un reto que nos ha de alonxar das cores grises do cotiá. Ou a min paréceme así.
Bicos.
Ola de novo; esta vez veño dicirche que tés un embolado na Chousa!.
Curioso nenadoparaugas esa foi xustamente unha das razóns que deu E para botarse a esta aventura americana. Dixo que quería ver como mudaba o seu mundo dende a distancia para aprecialo con moita forza cando volvese. Teño moito que aprender desta pequena xa moza... e de ti ;)
Pois si Chousa un emboladooooooo
distancia... tamén eu vou comezar pronto a vivir esa distancia coa miña filla... aínda que unha distancia curtiña, eso sí... para empezar non está mal.
biquiños achegadores,
Enviar um comentário