15/08/10

Arde Galiza



Arde Galiza con lume forestal; arde Galiza e queima...

Queima,
queima arreo,
e doe,
doen os eidos...

Arde Galiza e os xornais calan. Minimamente soan as voces cando a traxedia está consumada. As conciencias espertan cando os homes morren; non se choran os bosques nin as terras nin as feras. Homínimos declarados e declarantes de lumes decidimos quen ten dereito á vida (porque ao ceo non van os lobos, xa o dixo cura na misa do domingo). A culpa, porque sempre ten que haber un culpábel, é dos piñeiros que botan resina arreo, quizais con resognación porque aventan que alguén se achega silandeiro, temerario que non temeroso, para truncarlles as ansias de futuro.

Arde Galiza e o silencio pactado constrúe ambientadores químicos con fragancia de lavanda para encher as cidades, refuxio dos refugallos das aldeas. O supermercardo está cheo de xente que compra deterxente con fragancia de bosque.

E xa non hai bosques. Un deserto enorme consome os ollos dos vellos que recordan os lagos e os carballos e os carrascos e os bieiteiros. Cóntanlles aos netos como era a color verde e estes sorrín porque ao avó se lle vai a cabeza e inventa cousas.


Arde Galiza. Arde... e como queima, meu amor!!!


14 e eu diría máis...:

Paz Zeltia disse...

O de onte en Negreira debeu ser o máis grande do que vai de ano...

Eu ando adrede lonxe de diarios e telediarios; a tele leva apagada case todo o verán, -xa non podía máis de ver imaxes de dor, noticias de dor, e despois pegar media volta e rir e ter bo humor- pero ainda así, se estás vivo o fume negro que entra polos ollos vai de mirada en mirada, cóntase no boca a boca; os asasinados, ainda sendo árbores, son difíciles de manter calados.

mariajesusparadela disse...

Tamén eu choro.

Chousa da Alcandra disse...

Choramos todos, pero con bágoas non imos dar apagado o lume.
Esta é a sangría de cada verán.
Estou convencido de que, ademáis doutras forzas, aquí temos que sumar todos...

Un bico

vintxuca disse...

Que mágoa..todos os anos o mesmo.
Apertas dende a Corunha!

A nena do paraugas disse...

Teño medo de ver arder A Pena Corneira e O SuÍdo desde a fiestra da casa da mamá, pois isto que escoito xa me enche bastante de carraxe...

E non haberá alguén que teña sentidiño e busque o xeito de evitar esta desfeita?

Como di Chousa, é a sangría de cada verán, pero isto non me consola.

Bicos.

Mer disse...

e segue ardendo...

Merce disse...

mais bagoas que non conseguen apagar tanto lume...

sempre na mesma, dende hai anos...

Maribel-bel disse...

Espero e desexo que seas alarmista, que os nosos netos poidan disfrutar da cor verde e do aire limpo da nosa terra. Desexo. Un bico.

Xan disse...

Arde Galiza: arden os montes, antes destruíronse os sectores básicos do País. Arde Galiza: arden os montes, antes destruíron un modelo, un modo de vida armónico e sostible. Arde Galiza: arden os montes, baléiranse as aldeas, a cidade é un vertedoiro, un viveiro de parados, mentres nos invaden de alimentos producidos noutros lugares que non arden. Arde Galiza: unha enorme pira onde se queiman os nosos acenos de identidade. Arde Galiza: arden os montes como metáfora dun País que se nos escapa das mans como un azucarillo nun vaso de auga. Arde Galiza: arden os montes como presaxio dunha illa deserta que vaga perdida entre as ondas sen que a case ninguén pareza importarlle.
(Grazas por esas palabras tan fermosas que deixas sempre nos meus comentarios, inmerecidas desde logo.
Apertas

BRABIDO disse...

Porque arde?,arde soa?,que interese ae que arda?Ae a quen lle gusta que arda?.....

O pan de cada dia chegando a estas datas,mais este ano cos dous apagalumes mortos.

Eu sigome preguntandome PORQUE?

xenevra disse...

Acabo de chegar do Gerês/Xurés. Estaba ardendo por demasiados lugares. A estrada era unha carreira de obstáculos con árbores caídas e rochas que enchían o camiño; o ceo ía cubríndose de cinzas co avanzar da mañá. Tras este espectáculo parei na Corga da Fecha, xa na zona galega; unha panda de amigos portugueses facían alí unha "parrillada" e todos falaban e rían ao carón do lume.
Non teño palabras para expresar os sentimentos todos que se me acumularon nos ollos.
Só silencio...

Mer disse...

E que aínda hai moita xente de que non se da conta do mal que fal, parece que andan polo mundo cos ollos pechados, ou coma os burros, cara adiante, sen mirar nunca para os lados. Non teño palabras para explicar que NON ENTENDO PORQUÉ SEGUEN A TIRAR PITILLOS ENCENDIDOS POLAS XANELAS DOS COCHES, PORQUÉ SEGUEN FACENDO CHURRASCADAS NOS MONTES, PORQUÉ SEGUEN A PASAR ESTAS COUSAS, non o entendo, non teño palabras e supoño que a vós pasaravos o mesmo.

Paz Zeltia disse...

As churrascadas son unha imprudencia penalizada , e ben penalizada que está.
Pero a "culpa" de todos estes tremendos incendios, non é das churrascadas...

Raposo disse...

Arde Galiza porque hai moito desaprensivo; arde Galiza porque temos pouca conciencia pola naturaleza; arde Galiza por escuros intereses; arde Galiza porque hai certa complicidade e comprensión cara os pirómanos e moitas veces non se denuncian aínda que se coñezan (que nos pobos pequenos coñecémonos todos); arde Galiza porque somos así: tolos, insensibles, animais irracionais.
Por sorte, hoxe e agora chove.