10/01/10

invisíbel

Paseei a miña invisibilidade pola rúa, altiva, orgullosa, tentando petar con todos e con todo por se alguén protestaba, pero ninguén parecía verme. Fixen acenos ostentosos mentres agardabamos para cruzar, mais ningunha persoa reparaba en min. Probei con milleiros de ocorrencias que ían nacendo na miña cabeza, mais a resposta era sempre a mesma: ningunha.

Pouco a pouco decateime de que tiñas razón. Non existo. O meu ser carece de todas as substancialidades que os demais humanos posúen. Tentei recordar como era antes de que mirases ao meu través, e non puiden lembralo. Tampouco sabía en que momento as pezas da louza da túa nai empezaran a esvarame das mans. Esfórzome, mais non o consigo. Sinto como se a transparencia fose conquistando todo o meu ser ata deixalo baleiro de contido.

O espello do escaparate devólveme unha imaxe que non recoñezo. Ten un aire con aquela muller que fun, pero vese esvaida. Recoñezo o abrigo, iso si; o meu precioso abrigo. Aquel que tiña a mesma color dos teus ollos nos días de inverno; aínda que non lembro ben os teus ollos. Sei que os amei, ao igual que a túa voz, que o teu tacto, que o teu sorrir de cativo desleixado... mais non lembro como me miraban antes de ser invisíbel.

E sigo altiva polas rúas desta cidade, que foi nosa, agardando encontrar a calor que volva conformarme. Sei que non debo buscala nos ollos dos outros, pero tampouco lembro como eran os meus antes de facerme transparente.

Imaxe de Sas Christian


12 e eu diría máis...:

Chousa da Alcandra disse...

As transparencias son dolorosas tamén. Sobre todo mentras non te afás a elas...

Un bico opaco

BRABIDO disse...

A veces ser invisible ten as suas ventaxas.

¡ !

Anónimo disse...

Grazas pola visita: roubeille o debuxo dos bolechas en defensa do galego, porque o vou precisar ben pronto.
Espero que non sexa literalmente invisible a partir de agora. Saúdos

xenevra disse...

Agradecida estou de ir dando con eses lugares.

O cartaz dos bolechas (se non estou errada) debe estar na páx de Queremos Galego. Oxalá que o "rouben" moitos máis dos que por aquí pasen.
Outro saúdo

Merce disse...

E mais, as veces un quixera ser invisible. A soedade e unha inquedante transparencia.

Fermoso e profundo relato :)

Apertas.

Noa disse...

Cantos desexan a invisibilidade, e cando chega... renegamos.

Maribel-bel disse...

Linte, con calma, serea dende os meus silencios. Conseguín entender-te,verte,saber que estás. Non eres invisible..só queda decirche que os ollos que non recordas deixan paso a todos os que vas a adorar. Moito gusto en lerte...moito. Biquiños

Anónimo disse...

Que coincidencia! Hai un ratiño estiven pensando niso, na invisibilidade. Algo tan profundo e tan desconcertante ás veces.
Gustoume moito o relato.

Sun Iou Miou disse...

Que fácil é dicir que un quixera ser invisible (ás veces, especifican). Non se trata de querer ser (á conveniencia), senón de cando se é aínda que non se queira. E do que doe.

A imaxe tamén me gustou. :)

xenevra disse...

É certo, sempre queremos ser invisíbeis ao noso antollo, pero cando o resto do mundo non nos ve berramos e berramos ata conseguir a súa atención.

Grazas polas palabras.

Sun Iou Miou:a imaxe é de sas Christian. Deixei o enlace á pax no fondo do blog. o certo é que ten moitas moi chulas, ou polo menos que a min me gustaron moito.

Paz Zeltia disse...

xa sei que todos din que non podemos vernos a través dos ollos dos outros,
que non somos nós o reflexo que se ve nos ollos de quen amamos, se non a súa propia proyección...
o caso e que cando o manto da maxia que nos envolvía
se desprende,
debaixo das mans do prestidixitador, o certo e que non queda
nada.

e volvemos a tentar ser envolveitos noutro manto máxico.
non sei se é erro eu non,
¿que vou saber eu?
pero sí que debe ser moitísimo mais reconfortante
reconciliarse coa imaxen esvaída,
recoñecela como nosa,
e irlle dando forma e volumen,
cada un debe encontrar a súa maneira.

canto me gustou isto que escribiches!

xenevra disse...

Grazas zeltia.
Por suposto que non é fácil. estamos afeitos a vernos no que din de nós. Cando alguén nos pregunta como somos, reproducimos o que levamos escoitado desde nenas (teño moi mal carácter, pero miña nai di que bo fondo...). Non é fácil individualizarse ao vivir en sociedade. No caso da parella, tamén pesa en exceso a educación recibida. Dende pequenas se nos amosa unha sociedade construída a través de parellas, facendo da conquista dunha un obxectivo importante (xa sei que non o máis) e iso conleva que tamén é importante como nos valora esa persoa que escollemos, o que pensa de nós. A medida que transcorre o tempo pasamos a percibirnos polos seus ollos, quizais por comodidade (como ves? Ti cres que...?) e no momento en que iso desaparece pasamos un tempo perdidas.

Pero toda boa perda ten un final feliz: o encontro. Non sempre hai que ir Na procura dun tempo perdido, ás veces é bo deixalo perderse.