12/10/09

amarte intransitiva



Se amar non fose
un verbo transitivo baleiro no papel,
un acto sentimental
que conmove a razón,
un infinitivo atroz
que non cura, nin vive, nin actúa
máis aló do dicionario
máis acó da expresión.

Se amar non fose
esa palabra que xoga nos poemas
que marca ritmos na prosa
que alimenta páxinas na historia
dunha literatura inmóbil nas pernas...

entón, amaríate coa forza toda das mareas
que arrastran os velenos que te anegan
que arrincan as dores que te encerran
nese espazo frío que é palabra
con haches mudas de ruído hospitalario.

Entón, amaríate ata traspasar os muros
da inoperancia da ciencia
e pintaría realidades riseiras no teu rostro
nestas mañás mornas de outono,
para saberte salva!!

5 e eu diría máis...:

Carmen Graña Barreiro disse...

Fermosa poesía xenevra. Gústame moito como escribes.
Moitas grazas por pasar polo meu blog e deixar o teu comentario.
Biquiños

xenevra disse...

Grazas a ti Carmen por vir e deixar pegada.

Un bico

Anónimo disse...

Sei dun langrán que tardou 40 días en ver o que acaba de ver. E a ausencia viña de máis lonxe. Haiche xente pra todo...

Bicos e reverencias

doutora Seymour disse...

Moi fermoso...moito.
Grazas pola visita e por abrirme as portas deste espazo cheo de poesía.
Un saúdo.

xenevra disse...

Grazas doutora, a ti por vires ata aquí e facerte palabra.