recorte: s.m. 1. Acción e efecto
de recortar.
recortar: 1. Cortar polas beiras ou
cortar o que sobra de [algo].
político: 1. Relativo ou
pertencente á política, como teoría ou como
actividade. 3. Que se dedica aos asuntos de goberno ou se interesa
por eles.
política: 4. Teoría, arte
ou doutrina referente ao goberno dunha comunidade. 5. Conxunto de
asuntos públicos dun estado e actividade de quen se dedica a
eles ou de quen participa na vida pública.
Andamos estes días ás
voltas coas palabras. Chégannos repetidas, reiteradas en todos
os medios e de todas as formas. Unha das palabras máis
aclamada é "recortes". Movida pola curiosidade (e
quizais tamén a desconfianza) abrín as páxinas
do dicionario (o santo dicionario da RAG) e descubrín que,
certamente, a sociedade non está a padecer "recortes",
senón cortes claros, rotundos, contundentes, tallantes. Cortes
cargados de engano, que non engado, disimulados cun prefixo que
perdeu o significado iterativo. Non están a cortar polas
beiras o que nos sobra, non. Están a roubarnos o que nos é
propio (roubar: 1.Coller [unha cousa que lle pertence a outra persoa]
mediante engano ou violencia. 2. Deixar [alguén] sen algo da
súa propiedade mediante engano ou violencia.). Rouban os nosos
dereitos, a nosa dignidade, os nosos cartos para dárllelos a
eses outros que están a construír a moderna arca
dioiviana.
E no medio de todo isto, o pobo
indignado recolle a palabra boomerang. Berramos que non queremos
políticos, levados pola rabia e a dolor, e veñen estes
Noés modernos a dicirnos que temos razón. Meu dito meu
feito, o 30% dos concelleiros eliminados. Así sen case darnos
conta deixamos de estar representados e perdemos a voz e as palabras
xustas. Chegan aos teléfonos SMSs "el pueblo español
está cansado de todos os políticos" mentres o
presidente e a súa Real corte sorrí. O meigallo está
feito! Pero eu que non son "pueblo español", que non
animei a "La Roja", nin pendurei da fiestra bandeiras
patrias, decido non reenviar esta mensaxe e facerlle fronte. E como
as palabras significan, berro alto e forte e reenvío as miñas.
Non todos os políticos/políticas son iguais; non quero
que se eliminen todos os cargos públicos, nin funcionarios,
nin representantes do pobo. Quero que sexamos profesionais, honestos,
camaradas, solidarios; quero ir pola rúa coa cabeza alta malia
ter aprobado unha oposición; quero ir pola rúa e saudar
cunha aperta o concelleiro que me representa e, como non, debater con
ela aquelo en que non concorde. Quero que lles devolvan a dignidade
(e o posto) a estas concelleiras que non cobran soldo por facer este
traballo. Os políticos non son Rajoy, son a nosa irmá,
o noso home, a nosa amiga da infancia que decidiron implicarse en
temas sociais a cambio de nada, moitas veces. Cantos concelleiros
teñen soldo no lugar en que vives?
Todos é unha palabra cun
significado demasiado amplo. Empecemos a concretar e non caiamos na
súa trampa. Xa Franco dixo un día que os políticos
non eran necesarios (el abondaba para gobernar o país) e que a
política era algo moi difícil de asimilar para as
intelixencias populares.
Ergueremos palabras coma armas cargadas
de futuro e esperanza, e non como espello do poder opresor.





9 e eu diría máis...:
Os medios dirixidos polos poderes fácticos crean un estado de opinión e despois o pobo "libremente" obedece aplaudindo e esixindo o cumprimento dos seus desexos co egoísmo e a envexa. Os empregados públicos demonizados e os banqueiros e especuladores creando un estado de opinión a favor dos seus intereses mentres os banqueiros expolian o país, os especuladores son amnistiados e Urdangarin renova un contrato con telefónica de millóns de euros e os demais lapidannos os nosos dereitos dereitos e masacrannos co IVE.
Saúdos
Ben o dis Xan. Espero que mañá as voces do pobo oprimido se ergan con fortes berros e atroen o mundo todo.
Un saúdo
Estamos esperando que os políticos atopen a solución sen decatarnos que os políticos son o problema. Eles son o problema, eles nos levaron a esta situación.
Os movementos especulativos consíntenos eles, a burbulla inmobiliaria, a corrupción, o despilfarro, os postos inútiles, os paraisos fiscais... todo eso está aí porque os políticos o permiten.
E claro que sobran políticos, quizais bastante máis dese 30% do que falan. En España hai un montón de concellos de menos de 500 habitantes. Eso non ten sentido, nin como xestión política nin como organización do territorio. Hai que reducir o número de concellos co que nos aforraríamos unha morea de postos políticos e de diñeiro. Pero claro deso PP e PSOE non din nada.
En fin, para que seguir.
De acordo contigo Raposo, sobran moitos políticos, moitos cargos de libre designación, moitos concellos polo estado adiante. Sen embargo creo que temos que ter coidado ao falarmos de todos, ou dunha porcentaxe abstracta. Hai que fiar fino e deixar moi clariño cales son os que non fan falla, pois algúns que están aproveitando isto para o seu propio beneficio (bipartidismo PP/PSOE).
Foron/son certos políticos e destrutoras políticas as que nos puxeron nesta situación. Teñen nome, son concretos. Concelleiros do estado estanse a dar de baixa do seu partido para deixar claro o seu desacordo con esta maneira de gobernar. Non prescindamos dos bos políticos, non nos centremos no número, senón na calidade. Quero políticos bos que gobernen para o pobo e dende o pobo.
Unha forte aperta!
ata que cambie a lei electoral non vai a cambiar o panorama político, nin os políticos, é o que penso...
estámosche moi mal, e non sei como ímos sair desta.
biquiños,
pois eu creo que cada vez somos máis mandadiños, bisbamos cabreadísimos, pero ó baixiño, nas oficinas, nas sobremesas, nas barras dos bares...
Pois a verdade era máis rendible e entretido e menos lesivo recortar maniquíes de papel...
Cada un/unha ten a súa propia opinión como é normal.
De acordo que non todos os políticos sonn iguais.
Hai que cambiar a lei electoral e moitas cousas pero iso non se fai, a meu entender,absténdote ou votando nulo.
Xa non lembro moi ben pero coido que foron perto de 900.000 votos ao carallo. Pois ben, gracias a todos eles e aos que votaron ao PP recuncaron coa maoiría absoluta os CACIQUES DE SEMPRE.
Noso país non sae endexamais do pozo gracias a NÓS MESMOS, en especial menciono a todos OS QUE CREN ARRANXAR AS COUSAS DESDE FÓRA DO PARLAMENTO.
A abstención está facendo que todo continue coma sempre.
Apertas.
Eu creo coma Zeltia, que cada vez somos máis cabreados pero..polo baixiño,sen ánimo para berrar nin deixar constancia da violencia que carreamos coa xente día a día. Non hai sorrisos nin ánimos..hai pouca esperanza e moito político que busca facer unha simulación en diferido que nos cale. Bicos
Enviar um comentário